Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de decembro de 2022

Tamén hoxe abre o prazo de preinscrición nos Campamentos de Nadal dos centros cívicos e na Semana Deportiva do Nadal

O Concello da Coruña abre a Casa dos Xoguetes, un espazo de economía circular para fomentar o consumo responsable mediante a doazón de agasallos navideños

Este xoves abre o prazo de inscrición nas actividades de conciliación familiar que acollerá o novo Iglú de María Pita, desde este sábado 3 e ata o día 31. Haberá obradoiros infantís e manualidades para os máis pequenos

O Concello da Coruña puxo en marcha este xoves a Casa dos Xoguetes, unha iniciativa que ten como principal obxectivo impulsar a economía circular e o consumo consciente e responsable, alongando o ciclo de vida dos recursos e incentivando a súa reutilización.

As instalacións da Casa dos Xoguetes, habilitadas na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), na rúa Costa da Palloza, 8, estarán abertas para as persoas interesadas na doazón de xoguetes ata o vindeiro 5 de xaneiro, de luns a venres (de 10.00 a 19.00 horas) e os sábados (de 10.00 a 14.00 horas).

Na Casa dos Xoguetes, e en contraprestación polos obxectos doados, a persoa usuaria recibe cupóns que pode intercambiar, posteriormente, polos xoguetes que máis lle gusten de entre todos os expostos nese momento.

Por outra banda, e no caso de que a persoa usuaria soamente desexe doar obxectos sen recibir cupóns a cambio, o persoal de atención da Casa das Xoguetes recollerá os xoguetes en cuestión para entregarllos posteriormente a persoas que os precisen.

Non se aceptarán xoguetes que non estean en perfectas condicións para poder gozar dunha segunda vida nas mans de outras nenas e nenos. Ademais, todos os xoguetes deberán ter o distintivo CE, símbolo que certifica que cumpren coa normativa europea de seguridade.

Ademais, mañá (entre as 17.00 e 18.30 horas) darán comezo os obradoiros creativos de Nadal e contacontos para a rapazada de entre 4 e 10 anos de idade. As actividades, que se prolongarán ata o 29 de decembro, abranguen talleres para a fabricación de adornos para a árbore de Nadal e agasallos como moedeiros feitos a base de materiais reciclados. En paralelo, os máis pequenos poderán gozar con diversas sesións das contadas de 'Crispín, o neno que o quería todo'.

Todas estas actividades, que terán lugar na Casa dos Xoguetes, serán de balde e a inscrición pode levarse a cabo na propia Casa, 15 minutos antes do comezo de cada actividade. Haberá unha capacidade limitada á nove nenas e nenos por cada sesión.

Obradoiros infantís no novo Iglú de María Pita

Este sábado 3 (de 17.00 a 21.00 horas) darán comezo as actividades para facilitar a conciliación familiar no novo Iglú de María Pita, con obradoiros ideados para os máis pequenos, que poderán aprender a crear adornos para a árbore de Nadal e decoración de bolsas de agasallo, así como coroas e instrumentos musicais propios destas datas festivas.

As actividades, que terán lugar durante 14 xornadas (días 3, 4, 6, 8, 10, 11, 17, 18, 22, 23, 24, 25, 26 e 31 de decembro), serán de dúas horas de duración.

A inscrición, aberta desde hoxe, pode tramitarse a través do teléfono 681 094 023. Ademais, desde as 12.00 horas deste venres 2 tamén poderá levarse a cabo de forma presencial nas propias instalacións do Iglú de María Pita.

Campamentos de Nadal nos centros cívicos de todos os barrios

Nestas datas festivas, a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá organiza Campamentos de Nadal nos centros cívicos e veciñais para favorecer a conciliación durante as próximas vacacións escolares. A concelleira Yoya Neira subliñou que se ofrecerán actividades lúdicas, artísticas, musicais e de lecer e tempo libre, así como talleres de práctica de inglés.

En total, os Campamentos de Nadal contan con 525 prazas para nenas e nenos nadas do 01/01/2010 ata o 31/12/2018, ás que se suman 15 prazas máis para menores con necesidades especiais. O prezo dos campamentos será de 26 euros para o horario xeral (de 10.00 a 14.00 horas) e de 32 euros para o horario ampliado (de 9.00 a 14.30 horas). Todos os campamentos desenvólvense de luns a venres. 

A preinscrición pode facerse en liña, desde hoxe, día 1 de decembro, e ata este sábado 3, a través da web dos Campamentos urbanos de Nadal 2022 nos centros cívicos municipais .

As listaxes dos menores prerexistrados, co seu número de sorteo asignado, publicaranse o luns 5 de decembro na páxina web do Concello e tamén nos centros cívicos. 

O sorteo público das prazas terá lugar o día 9 no centro cívico de Monelos. Posteriormente, as listas de admitidos publicaranse o 12 e o 13 de decembro e, xa entón, poderase realizar o pago entre os días 14, 15 e 16 de decembro. Se se producen baixas entre os menores que teñen praza adxudicada chamarase o día 17 aos que estean en lista de agarda.

A nova edición dos Campamentos de Nadal dará comezo o día 23 de decembro en cada un dos centros cívicos de referencia e prolongaranse, de luns a venres, ata o 5 de xaneiro. Non haberá campamentos durantes as fins de semana.

Relación de centros segundo horario

Nos centros cívicos de A Silva, Santa Margarida, Feáns, Sagrada Familia, Santa Lucía, Pescadores, San Pedro de Visma e Artesáns ofértase só o horario xeral. Para un horario ampliado cómpre solicitar praza nos centros cívicos do Castrillón, San Diego, Os Mallos, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Rosales, Labañou, Palavea, Cidade Vella, Eirís, Elviña, Novoboandanza.

Toda a información pódese consultar na web do Concello e no 010. As cuestións relativas á preinscrición pódense consultar desde hoxe e ata este sábado, día 3, a través do teléfono 613 371 973.

A Semana Deportiva do Nadal

Tamén hoxe, o Concello abriu o prazo para a presentación de solicitudes con vistas á Semana Deportiva do Nadal, que abrangue múltiples actividades deportivas (escalada, natación, tenis, baloncesto) dirixidas por persoal especializado e destinadas á poboación infantil con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Neste sentido, darase preferencia ás persoas empadroadas no Concello da Coruña.

A Semana Deportiva de Nadal distribuirase en dúas quendas: a primeira, entre o 26 e o 30 de decembro; e a segunda, entre o 2 e 5 de xaneiro. Ofértanse 96 prazas para cada quenda e a posibilidade de dous tipos de horario: xeral (de 9.00 a 14.00 horas) ou ampliado por conciliación (con entrada entre as 8.00 e 9.00 e saída entre as 14.00 e 14.30 horas).

O importe a aboar será de 4,24 euros por día e participante, sendo os importes por quenda os seguintes: para a primeira semana (26 a 30 de decembro), 21,20 euros por participante; e para a segunda semana (2 a 5 de xaneiro), 16,96 euros por participante.

A información completa sobre a Semana Deportiva do Nadal, así como o formulario de inscrición, habilitado en liña ata este domingo 4, pode consultarse na web da  Semana Deportiva de Nadal - 2022 .

A publicación da listaxe de adxudicación de prazas terá lugar o 14 de decembro, a partir das 14.00 horas.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión