Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de outubro de 2021

O Concello da Coruña organiza pasacalles, obradoiros e espectáculos de maxia e lume na rúa polo Samaín

As actividades celebraranse na ponte festiva do 1 de novembro nos distintos barrios da cidade e están dirixidas a todos os públicos

O Concello da Coruña ultima os preparativos para as celebracións do Samaín. Coincidindo coa celebración da ponte de Todos os Santos, diferentes áreas municipais organizaron actividades para todos os públicos que inclúen obradoiros, espectáculos na rúa e pasacalles durante a vindeira fin de semana.

O Concello da Coruña busca deste xeito potenciar unha tradición moi arraigada en Galicia e potenciar o comercio de barrio con accións concretas en diferentes puntos da cidade. Nese sentido, haberá actividades en distintos centros de ensino. Serán nos colexios Sal Lence, Cidade Vella, Labaca, Sagrada Familia, Curros Enríquez, Rosalía de Castro, de Prácticas e Fernández Latorre. O alumnado levará a cabo obradoiros de elaboración de disfraces e, con eles, farán un pasacalle polos comercios da zona.

Xa o sábado 30 de outubro estas actividades do Departamento de Promoción Económica e Comercio trasladaranse aos centros cívicos e aos mercados dos barrios. Os obradoiros infantís estarán dirixidos a nenas e nenos de 6 a 12 anos, que deberán presentar un recibo de compra de como mínimo 5 euros dun comercio de barrio de entre os días 15 e o 30 de outubro para participar.

Os centros cívicos que participan na iniciativa son: Castrillón, Eirís, Labañou, Sagrada Familia, San Diego e Novo Mesoiro. Tamén haberá obradoiros nos mercados de San Agustín, Elviña, Eusebio da Guarda e Monte Alto. Haberá diferentes xogos con horarios comprendidos entre as 9.30 e as 14.00 horas. A tarde do sábado celebrarase tamén un pasacalle con dez grupos "terroríficos", que percorrerán as zonas comerciais dos distintos barrios en horario de 17.00 a 21.00 horas.

Por último, Promoción Económica e Comercio tamén organiza un concurso de escaparatismo polo Samaín. O obxectivo desta iniciativa é promover a creatividade dos comerciantes durante esta celebración e, así, impulsar o comercio local dos barrios da cidade. Este concurso conta xa con máis de cen comercios inscritos, que deberán ter os seus escaparates adornados ata o 30 de outubro.

Un xurado formado por técnicos da Federación Unión Comercial Coruñesa e técnicas de Comercio seleccionarán aos 10 finalistas. Deberán enviar dúas fotos para que o público xeral poida votar polo seu escaparate favorito. As persoas que participen poderán gañar 25 premios por valor de 50 euros para gastar nos comercios. Desa votación sairán os cinco gañadores, que levarán premios de 2.500 a 750 euros.

Espectáculos na rúa

Por outro lado, durante a ponte festiva desenvolveranse outra serie de actividades culturais e de lecer nas rúas da Coruña organizadas polo IMCE. Do sábado 30 de outubro ao luns 1 de novembro hai programados espectáculos, pasacalles e un lanzamento de globos de cabaza.

O sábado o artista Pedro Brandariz actuará ás 12.30 horas no parque de Oza co seu espectáculo 'A Santa Compaña, a Morte, o Sacaúntos, o Lobisome, os tronantes e as mouras'. Ás 17.00 horas será a quenda de Raquel Queizás no Campo da Leña con 'O medo hai que entendelo'. Pola noite, a partir das 21.00 horas, os Kilomberos de Monte Alto farán un pasacalle polo barrio de Pescaría.

O domingo haberá obradoiros de maxia para nenas e nenos de 8 a 12 anos na praza de María Pita a partir das 11.30 horas. Correrán a cargo do mago Kiko Pastur. Haberá 12 prazas por obradoiro e a inscrición será por orde de chegada. Ás 12.30 horas na praza das Conchiñas actuará A trastenda dos contos co seu espectáculo 'Contos de medo que deixan durmir'. Pola tarde, ás 17.00 horas, estará o Mago Román na praza Elíptica coa súa función 'Labirinto de ilusións'. A partir das 17.00 horas haberá espectáculos de maxia en María Pita.

O luns 1 de novembro volverá a haber obradoiros de maxia en María Pita a partir das 11.30 horas. Ás 12.30 horas actuará o Mago Rafa na praza de Vigo. Mentres, os Kilomberos de Monte Alto volverán a facer un pasacalle, desta vez pola zona do Ensanche e de Pescaría. Ás 17.00 horas actuará Martín Camiña na cúpula do parque de Eirís con 'Momentos asombrosos'. A media tarde comezará o reparto de globos de cabaza na praza de María Pita. Son biodegradables e haberá unhas 1.000 unidades. Serán lanzadas ás 21.00 horas desde a propia praza.

Antes, ás 18.00 horas, actuará Kiko Pastur na praza de María Pita. Despois, ás 19.30 horas, haberá un concerto da banda Broken Peach, que participou no concurso televisivo 'Got Talent'.

Ás 19.30 horas celebrarase un dos espectáculos principais do programa. Trátase de Draco de Fogo, un enorme dragón que cuspe lume pola boca. É unha gran estrutura que percorrerá a avenida da Mariña desde o Teatro Colón e irá acompañada de 'guerreiros do máis alá' e a Organeta do Samaín, un acompañamento musical.

Por outra banda, a concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación tamén organizará diferentes obradoiros nos centros cívicos da cidade os días previos á ponte festiva. Comezarán o xoves 28, con actividades en San Diego, Monelos, Novo Mesoiro, Castrillón e Pescadores. O venres 29 celebraranse en Palavea, Cidade Vella, Eirís, Os Mallos, Os Rosales, Novoboandanza, Visma, Santa Margarida e Sagrada Familia. Por último, o sábado 30 haberá obradoiros en Monte Alto, Labañou, Elviña, A Silva, Santa Lucía e Feáns. Serán tanto en horario de mañá como de tarde, en función da xornada.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión