Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de setembro de 2022

O Concello da Coruña reforza a súa aposta pola conservación do patrimonio coa licitación do mantemento dos reloxos históricos da cidade

O Goberno de Inés Rey saca a concurso o servizo, que inclúe inspeccións e revisións periódicas de sete reloxos monumentais, así como as intervencións de reparación pertinentes en caso de avarías

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Economía, Facenda e Réxime Interior, aprobou a licitación do servizo de mantemento e funcionamento dos reloxos monumentais da cidade.

Esta iniciativa, que reforza a aposta do Goberno de Inés Rey pola posta en valor e o coidado do patrimonio histórico da Coruña, actuará sobre sete reloxos municipais propiedade do Concello, datados entre os anos 1844 e 1994: o reloxo da torre central do Pazo Municipal de María Pita (1911); o reloxo do Obelisco (1895); o reloxo da torre do Edificio Consulado (1844), na rúa Panadeiras; o reloxo do IES Eusebio da Guarda (1889), na praza de Pontevedra; o reloxo floral dos xardíns de Méndez Núñez (1947); o reloxo do parque das Lagoas (1994), na contorna do Paseo Marítimo; e, por último, o reloxo do antigo convento das Capuchinas, situado actualmente na planta baixa do Pazo Municipal de María Pita.

Neste sentido, o servizo abrangue dúas tipoloxías de mantemento: unha de carácter preventivo, coa detección de posibles causas de avaría para a posterior actuación e evitar que se produzan, e outra de mantemento correctivo que terá lugar cando se detecten avarías nos reloxos a manter, o que inclúe a iluminación, a reparación e a substitución de materiais nos engranaxes.

Ademais, coa posta en marcha deste contrato de mantemento e conservación, por valor de 27.000 euros anuais, os reloxos monumentais da cidade serán obxecto de inspeccións e revisións periódicas. Cada semana, levaranse a cabo comprobacións e postas en hora, co obxectivo de garantir a súa marcha sobre a hora, incluíndo os cambios estacionais. Tamén se atenderá aos axustes de sonaría e á substitución de lámpadas de alumeado nas esferas que así o precisen.

As intervencións complementaranse con limpezas mensuais da maquinaria e os habitáculos dos reloxos, para suprimir as graxas superficiais derivadas do movemento dos engranaxes. O contrato tamén inclúe informes catrimestrais coa relación de intervencións executadas pola empresa que resulte adxudicataria do contrato, así como actuacións de carácter semestral para a pertinente revisión das agullas nos sete reloxos.

A posta en valor dos reloxos históricos da cidade

A comezos do pasado mes de maio, o Concello rematou os traballos de mellora para a recuperación do reloxo floral dos xardíns de Méndez Núñez, unha intervención levada a cabo co obxectivo de poñer en valor un símbolo emblemático da cidade, coa posta en marcha dun sistema de funcionamento dotado dun mecanismo mellorado, máis fiable e duradero, e que conta cunha conexión GPS vía satélite.

Agora, coa licitación do contrato de mantemento e funcionamento dos reloxos monumentais da cidade, o Goberno municipal dá continuidade aos traballos de renovación e posta ao día dos grandes monumentos e símbolos da Coruña levados a cabo durante o vixente mandato, como os reloxos do Obelisco e do Pazo Municipal de María Pita, que se restauraron o ano pasado, e tamén o reloxo floral de Méndez Núñez.

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, sinalou que "a recuperación dos reloxos históricos do Concello responde ao compromiso amosado polo Goberno de Inés Rey co noso patrimonio, e que se reflicte tamén en actuacións tan importantes como a restauración dos xardíns de Méndez Núñez".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión