Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de xuño de 2021

O Concello impulsa a práctica dos deportes náuticos co programa “Coruña no mar”

A concelleira Mónica Martínez presenta un programa dirixido a toda a cidadanía que inclúe cursos semanais e de fin de semana de surf, paddle surf, windsurf, vela, kayak, piragüismo, submarinismo, e snorkel, entre outros. As actividades serán de balde e ofértanse 736 prazas entre os meses de xullo, agosto e setembro.

A concelleira de Deportes, Mónica Marínez, presentou esta mañá no Matadoiro a primeira edición do programa "Coruña no mar"; que nace coa intención de lle achegar os deportes náuticos á cidadanía cunha oferta variada e coa posibilidade dunha continuidade nas propias escolas das entidades colaboradoras. Trátase do primeiro programa destras características que se pon en marcha no Concello da Coruña.

A concelleira sinalou que "a promoción da práctica dos deportes relacionados co mar converteuse nunha das tarefas máis importantes encomendadas pola nosa alcaldesa Inés Rey á Concellaría de deportes". A intención deste programa é, sobre todo, volver a nosa cidade cara ao mar, a costa coruñesa é unha instalación natural inmellorable, un pavillón azul que nos ensina a coñecer e aprender a querer e respectar o mar como fonte de riqueza, pero tamén como lugar de pracer, diversión e actividade física. Un dos obxectivos que perseguimos, dixo, é a continuidade na especialidade deportiva que escollan as usuarias e os usuarios para que, despois do verán, poidan seguir practicando ese deporte no seo das entidades deportivas coruñesas.

O programa diríxese ás nenas e nenos (idade segundo a modalidade deportiva), a mocidade e a poboación adulta, co único requisito de saber nadar. As actividades de iniciación deportiva e lecer distribúense en dous bloques, cursos semanais intensivos (de luns a venres) e actividades de fin de semana quincenais (sábado ou domingo).

Trátase, explicou Martínez, de adquirir as técnicas básicas dos deportes náuticos que se propoñen nesta primeira edición, ademais de coñecer, comprender e respectar as normas de seguridade e protección para desenvolver deportes acuáticos. En cada especialidade deportiva haberá nivel de iniciación e nivel de perfeccionamento. Para o curso de perfeccionamento será requisito indispensable ter feito antes o de iniciación.

Os cursos e as actividades de "Coruña no mar" serán de balde. En total ofrécense un total de 738 prazas; 536 prazas semanais e 202 de fin de semana.

Os cursos semanais serán de surf (na praia do Orzán), paddle surf (no dique de abrigo), windsurf (na base náutica de Oza), piragüismo (tamén na base náutica de Oza), snorkel e foto subacuática (na praia de Santo Amaro) e vela lixeira (no club Marítimo de Oza, O Puntal).

As actividades de fin de semana serán kayak de mar (na base náutica de Oza), navegación costeira (na Dársena da Mariña), mergullo (no Club do Mar de Santo Amaro) e pesca fondeada (tamén no Club do Mar). As entidades colaboradoras serán: Prado surf, Marina Coruña, Club de vela Praia de Oza, Sociedade Deportiva As Xubias, Club do Mar de Santo Amaro, Vela Club Marítimo de Oza e Asociación Juan de Lángara.

As persoas interesadas deberán cubrir o formulario específico que está á súa disposición na páxina web de Deportes www.coruna.gal/deportes ou acudir ás oficinas na Cidade Deportiva da Torre, Polideportivo do Barrio das Flores e Palacio de Deportes de Riazor. Para as actividades do mes de xullo, a inscrición poderá realizarse do 8 ao 14 de xuño. E para as actividades de agosto e setembro, entre o 5 e o 12 de xullo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión