Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de xuño de 2022

O Concello aprobou definitivamente a modificación da ordenanza fiscal que regula o imposto de plusvalías

O Concello licitará este mes o proxecto do novo mercado de Monte Alto por 10,4 millóns de euros

A revisión do proxecto inclúe unha nova previsión de prezos, melloras de eficiencia enerxética, equipamento e a mellora da contorna, coa reforma da escola infantil, da praza e a peonalización da rúa Joaquín González

O Concello da Coruña licitará nos próximos días o proxecto de reforma do mercado municipal de Monte Alto. Así foi anunciado no Pleno ordinario do mes de xuño realizado hoxe polo voceiro municipal, José Manuel Lage. O Goberno municipal de Inés Rey garante así que os praceiros e as praceiras desta instalación municipal poidan contar en próximas datas cunha mellora das súas condicións laborais, así como as persoas usuarias do mercado, as da escola infantil e as residentes no barrio de Monte Alto, que gañará en servizos e calidade urbana.

O Goberno municipal introduciu diversas melloras no proxecto orixinal, que finalmente non puido executar pola renuncia dos adxudicatarios, co obxectivo de que a nova licitación servise para mellorar o resultado final. "Hoxe podo anunciarlles que os pregos do novo mercado están xa feitos e nos vindeiros días sairán de novo a licitación co obxectivo de que os traballos se acometan canto antes", indicou José Manuel Lage.

O orzamento deste novo proxecto será de 10,4 millóns de euros. Esa cifra inclúe a revisión dos prezos e a construción dun mercado provisional para que as persoas traballadoras da infraestrutura poidan continuar desenvolvendo a súa actividade. O proxecto tamén engade melloras de eficiencia enerxética no edificio, tanto en acristalamentos como en sistemas de calefacción, equipamento e a reforma da escola infantil e da praza. Por outra banda, tamén se actuará sobre a rúa Joaquín González, que quedará peonalizada e reurbanizada.

A Coruña, a cidade galega co gravame de plusvalía máis baixo

Por outra banda, o Concello aprobou definitivamente no Pleno a modificación da Ordenanza fiscal número 53, que regula o Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IVTNU), máis coñecido como plusvalía. O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, explicou que deste xeito axústase o tributo municipal á nova lei estatal que modifica a base de cálculo do imposto.

O cambio normativo suporá para as arcas municipais unha mingua nos seus ingresos de 2.170.000 euros, cifra xa contemplada nos orzamentos do 2022. Así, os ingresos municipais polo dito imposto redúcense a 6,5 millóns de euros durante o actual exercicio, cantidade que provén da aplicación dunha fiscalidade da que quedan exentos as persoas particulares que demostren que non obtiveron beneficios coa venda das súas propiedades.

Non varía o tipo de gravame, que fica no 17,33% e é o máis baixo de todas as cidades galegas. Así, Vigo aplica o 30%, Lugo o 27% e Ourense o 26%, moi por enriba do tipo que rexe o imposto na Coruña.

Ademais, lembrou o concelleiro, mantéñense as bonificacións aprobadas no ano 2020 polo  executivo de Inés Rey, bonificacións que supoñen un importante desconto para as rendas máis baixas en caso de herdanza da vivenda habitual. Nas transmisións polo dito motivo A Coruña aplica unha bonificación xeral do 20%, que chega ao 30% cando os ingresos do beneficiario se sitúan entre o dobre e o triplo do IPREM, ao 70% cando a renda se sitúe entre o IPREM e o dobre deste, e alcanza o 95% para quen ten ingresos inferiores ao IPREM.

A aprobación definitiva da ordenanza inclúe unha modificación da norma inicialmente aprobada en marzo para que parellas de feito e matrimonios sexan considerados xuridicamente igual de cara ao pago dos tributos. Ademais, Lage Tuñas avanzou que se estudiarán outras bonificacións para a transmisión de bens cando se trate do pequeno comercio, e invitou os grupos a efectuar achegas de cara á revisión dos tributos para o ano que vén. Lage agradeceu tamén o papel construtivo da Marea Atlántica e do BNG no debate sobre as políticas fiscais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión