Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

24 de marzo de 2020

O concello manterá todos os seus contratos en vigor para garantir o emprego nas empresas prestatarias dos servizos

Malia a suspensión temporal de distintos servizos, o Goberno local seguirá aboando as contías comprometidas para evitar regulacións de cadro de persoal, segundo a resolución ditada hoxe pola Concellería de Economía, Facenda e Réxime Interior

O Goberno local decidiu manter todos os contratos con empresas que lle prestan servizos ao concello, aínda que estes se interromperan temporalmente. Nesa situación atópanse diversos servizos, como o de axuda a domicilio, as bibliotecas, os museos científicos ou as escolas infantís. Malia a suspensión temporal desas prestacións, o concello seguirá aboando as contías correspondentes ás empresas prestatarias para garantir o mantemento do emprego.

Uns 2.300 traballadoras/es dependen directamente de máis de 380 contratos municipais de distinto tipo. O Goberno que preside Inés Rey busca con esta medida reducir o impacto laboral que a situación actual de emerxencia sanitaria está causando na cidade. "A decisión do Goberno local está dirixida a manter o emprego, que é a mellor medida de protección social que podemos adoptar para afrontar ás consecuencias económicas da pandemia do coronavirus", especificou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

A resolución de Economía e Facenda especifica que o concello vixiará o cumprimento das obrigas laborais por parte de contratistas e subcontratistas. Ademais, axilizará os pagos a todos os seus provedores dentro dos prazos legalmente establecidos para lles facilitar liquidez ás empresas.

No caso concreto das escolas infantís, non lles están cobrando as tarifas fixadas ás e aos usuarios, co conseguinte quebranto na súa facturación. As escolas infantís terán dereito a solicitarlle un reequilibrio económico ao concello debidamente xustificado. Por outra banda, o Goberno local está traballando cos grupos políticos para modificar o regulamento das escolas infantís para que, tan pronto como sexa posible, todas elas sexan gratuítas.

Ademais, non suspenderá as obras que estean en execución e insta as empresas que as están a levar a cabo a que garantan as medidas de prevención e autoprotección dos seus traballadores e traballadoras ditadas polas autoridades sanitarias. "Manter os contratos e prestacións de servizos que temos no Concello é algo moi meditado, pensando en contribuír á economía da cidade e á protección social", dixo Lage Tuñas.

O executivo traballa tamén en artellar outras medidas de carácter económico que se concretarán segundo se vaian determinando as actuacións correspondentes por parte da Xunta e do Goberno Central. O obxectivo prioritario é acadar que o impacto na cidadanía da actual crise sexa o menor posible. Con esa finalidade, o Goberno local non dubidará en mobilizar todos os medios que foren posibles.

Documentos:

24032020-RESOLUCION-APROBACION-INSTRUCIONS-PRESTACIONS-CONTRATOS-CONCELLO-CORUNA.pdf (447 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión