Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xullo de 2022

A XGL aprobou o estudio de detalle da Cidade das TIC, que prima o tránsito peonil e en bici no recinto e fixa en 74.000 metros cadrados o terreo dispoñible para novas edificacións

O Concello mellorará a accesibilidade en Adelaida Muro con escaleiras mecánicas e en Pintor Villar Chao con dous ascensores

O Goberno de Inés Rey adxudicou os traballos de remodelación da rúa Ramón Cabanillas e a construción dun aparcadoiro xunto ao parque de Adolfo Suárez, así como o proxecto do skatepark de José Toubes

O Goberno municipal aprobou esta mañá melloras na accesibilidade nas rúas Pintor Villar Chao e Adelaida Muro cun investimento maior aos 1,5 millóns de euros. As actuacións consisten na instalación de ascensores na primeira delas e escaleiras mecánicas na segunda. Así o explicou a alcaldesa, Inés Rey, quen deu conta dos principais asuntos acordados na Xunta de Goberno Local.

No caso de Adelaida Muro, o orzamento da obra será de 1,1 millóns de euros e o prazo de execución de 11 meses. O obxectivo é a mellora da mobilidade, pero tamén a reforma completa das escaleiras existentes, adaptándoas á nova configuración da rúa e reducindo as pendentes nos descansos, facilitando o tránsito peonil e o acceso aos portais.

Implantaranse tres tramos de escaleiras mecánicas en sentido ascendente, todos eles cubertos para protexer as persoas das inclemencias meteorolóxicas e tamén a maquinaria das propias escaleiras, e remodelaranse as estruturas existentes. Demolerase toda a escaleira e modificarase a súa distribución actual. Tamén se actuará sobre a rede de augas pluviais e de saneamento, substituiranse as tubaxes existentes de abastecemento e instalarase canalización municipal. A actuación completarase coa colocación de novo mobiliario urbano, explicou a alcaldesa.

No caso da rúa Pintor Villar Chao, o orzamento ascende a 433.000 euros e terá un prazo de execución de 8 meses. Neste caso, o proxecto inclúe a instalación de dous ascensores verticais. O primeiro deles estará situado na zona de menor cota, cun desnivel de 3 metros. O segundo conectará coa rúa Juan Montes e terá catro metros de altura.

Estudo de detalle da Cidade das TIC

Por outra banda, indicou Rey, hoxe aprobouse o estudo de detalle da Cidade das TIC, que permite ordenar os volumes e establecer certas condicións estéticas neste equipamento de cara aos seus futuros usos. "O estudo de detalle facilitará a posta en marcha dun investimento esencial para o desenvolvemento económico desta cidade", aclarou a alcaldesa.

O estudo recolle o mantemento das dezaseis construcións existentes no ámbito e a definición de tres áreas adicionais para novas edificacións, cun total de 74.000 metros cadrados dispoñibles. O documento de ordenación urbanística establece parámetros de ocupación máximos para cada unha delas e inclúense criterios para conservar a identidade das edificacións existentes, que presentan unha tipoloxía singular que se debe manter.

Ademais destes equipamentos tamén está prevista a creación de dúas zonas de estacionamento e unha zona deportiva municipal fóra do recinto. A Cidade das TIC contará con amplas zonas verdes e árbores autóctonas. "Primarase a sostibilidade tanto na rehabilitación dos edificios existentes, a construción dos novos equipamentos e na mobilidade dentro do recinto", expuso Inés Rey. O tránsito peonil e en bicicleta será prioritario e minimizarase o paso de vehículos.

Aparcadoiro do parque de Adolfo Suárez

A XGL aprobou tamén a adxudicación da construción dun aparcadoiro público no parque de Adolfo Suárez. "Esta nova infraestrutura contará con 203 prazas e daralles servizo ás persoas usuarias do centro Padre Rubinos, das instalacións deportivas de San Pedro de Visma e do propio parque", sinalou a alcaldesa.

Das 203 prazas previstas, tres serán de mobilidade reducida e 17 para motocicletas. Ademais, está proxectada a creación dunha explanada de formigón de 1.100 metros cadrados para usos múltiples, e que servirá para estacionar autobuses ou realizar eventos, por exemplo. As obras, que lle foron adxudicadas a Jardinería Arce, teñen un prazo de execución de 6 meses e contan cun orzamento de 535.000 euros, sufragados case na súa totalidade pola Fundación Amancio Ortega.

Os traballos incluirán a execución do firme coa organización de áreas con beirarrúas e calzada nunha plataforma única, o deseño dunha nova rede de pluviais e saneamento, a construción dunha rede de iluminación e telecomunicacións, a creación dunha rede de abastecemento, a colocación de sinalización horizontal e de 71 árbores semellantes ás existentes no parque de Adolfo Suárez para manter unha imaxe de continuidade na zona.

O acceso ao novo aparcadoiro, delimitado polo parque de Adolfo Suárez, Padre Rubinos e o colexio Calasancias, será pola rolda de Outeiro, á altura do punto limpo municipal. O aparcadoiro dotará a toda a zona de máis prazas de estacionamento, contribuíndo tamén a eliminar o aparcamento irregular na contorna en días puntuais.

Remodelación de Ramón Cabanillas

Por outra banda, aprobouse tamén a adxudicación da reforma integral da rúa Ramón Cabanillas, no barrio dos Mallos. O obxectivo principal desta actuación será a humanización da vía e a súa mellora funcional e estética, gañando protagonismo para as peoas e peóns. Esta obra conta cun orzamento de 849.000 euros. Os traballos foron adxudicados a Vázquez Reino e teñen un prazo de execución de 7 meses.

"Este Goberno ten o firme compromiso de mellorar o espazo urbano para as persoas, facendo da Coruña unha cidade máis humana. Neste sentido, a remodelación de Ramón Cabanillas dará resposta a unha necesidade do barrio dos Mallos, igual que no seu día fixo tamén o Concello con Ángel Senra", sinalou Inés Rey.

A actuación desenvolverase na rúa Ramón Cabanillas, incluíndo as interseccións coa avenida dos Mallos e a rúa Río Traba. Trátase dunha zona cun intenso tráfico rodado, o que limitaba o tránsito peonil. As novas actuacións irán na liña das executadas na zona do Mercado Municipal de Ramón Cabanillas.

A vía será de plataforma única, cunha zona compartida entre viandantes e vehículos autorizados de entre 3,5 e 4 metros. Ademais, procederase a renovar o pavimento da calzada e das beirarrúas, da rede de saneamento e da iluminación pública. Os traballos tamén dotarán a zona de novo mobiliario urbano e plantaranse novas árbores.

Novo skatepark en José Toubes

Esta mañá aprobouse tamén o proxecto técnico para a construción do skatepark e pista multideporte na praza de José Toubes Pego, no barrio de Catro Camiños. Esta nova infraestrutura situarase baixo o viaduto da avenida de Alfonso Molina. A obra inclúe a urbanización do conxunto da praza e é a ampliación dun proxecto anterior no que só figuraba a pista de skate.

Neste caso, haberá un skatepark máis completo e construirase tamén unha pista multideporte, que quedarán integrados na contorna mediante a adecuación do firme de todo o conxunto. Buscamos con esta actuación dotar os barrios de novos equipamentos para todas as idades, atendendo neste caso as demandas da mocidade.

Esta infraestrutura estará cofinanciada con fondos Eidus e terá un orzamento de 450.000 euros e un prazo de execución de 4 meses. O proxecto do skatepark procura que todas as persoas, con e sen experiencia, poidan practicar este deporte. Esta zona disporá de elementos que permitirán ir mellorando a técnica con zonas de distintos niveis de dificultade.

Outro dos obxectivos desta actuación será a mellora da accesibilidade na zona. Reformaranse as beirarrúas e habilitarase un novo paso peonil na rúa Fernando Rey con rede semafórica. Crearase tamén unha praza peonil, que será unha zona de tránsito e encontro, con espazos verdes e bancos.

"O proxecto completará a reurbanización da praza José Toubes, na que xa está aberto ao público o Remanso, cun grande éxito nos seus primeiros meses de actividade", apuntou Inés Rey. Na contorna está prevista tamén a mellora de Fernández-Latorre con reurbanización completa, carril bici e plantación de árbores.

Nova licenza en Xuxán

Hoxe tamén se concedeu autorización para a construción no barrio de Xuxán dun novo edificio. Tratarase dun bloque en forma de U con dous sotos, planta baixa e cinco alturas. Será de uso residencial, con 8.400 metros cadrados, e 1.488 metros cadrados de espazo comercial. En total, terá 90 vivendas, tres locais comerciais, 90 trasteiros e 156 prazas de garaxe. O orzamento ascende a máis de 7 millóns de euros e o prazo de execución é de 36 meses.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión