Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de novembro de 2023

A Xunta de Goberno Local, reunida este mércores en sesión ordinaria, aprobou a contratación do servizo de xestión das Bolsas USA 2024-2025

O Concello reclámalle 14,1 millóns de euros á concesionaria da Planta de Nostián polo sobrecusto da xestión dos residuos rexeitados desde 2011

Tamén deu luz verde á concesión da licenza para a construción de 3 edificios no sector 6 de Eirís, cun cento de vivendas e 5,7 millóns de euros de investimento

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou iniciar os trámites para a reclamación de 14,1 millóns de euros á UTE Albada, empresa concesionaria da Planta de Residuos de Nostián. A cantidade correspondente ao sobrecusto asumido por este Concello pola xestión dos residuos desde 2011, para os que o Concello só debería ter pagado 1,5 millóns dos 15,7 totais que finalmente se aboaron ata o 2018. "Trátase dun procemento longo e complexo no que este Concello leva anos traballando tanto no ámbito administrativo como no xudicial" explicou a alcaldesa.

Rey lembrou que no pasado mandato o Tribunal Superior de Xustiza emitiu unha sentenza que confirmaba que o custo do tratamento dos residuos rexeitados debía ser asumido pola concesionaria e non polo Concello da Coruña. "Por iso, para reclamar as cantidades indebidamente cobradas, iniciamos agora o procedemento administrativo, sabendo que non é un tema que se solventará nun curto prazo pero que esixe continuar dando pasos para a súa solución" sinalou.

O Goberno de Inés Rey está avanzando no deseño do novo modelo de xestión de Nostián. A pasada semana, o voceiro do Goberno, José Manuel Lage, trasladoulle á Xunta de Galicia o acordo coa empresa para o selado dos vasos, que asumirá a concesionaria. Ademais, xa se mantiveron dúas reunións dos concellos da área co obxectivo de ir definindo o modelo de forma conxunta. "Porémolo en marcha este mandato tal e como nos comprometemos e o  noso obxectivo é o de poder definir a licitación do novo contrato a finais deste ano ou a inicos do 2024" concluíu a alcaldesa.

Bolsas USA 2024-2025

O Goberno local autorizou a licitación do programa educativo municipal coñecido como Bolsas USA para o próximo curso 2024-2025 que permitirá dispoñer dun mínimo de 35 bolsas para cursar 1º de Bacharelato en Estados Unidos e que conta cun orzamento de case 650.000 euros. "Son centos os mozos e mozas desta cidade que grazas a esta bolsa non só aprenderon un idioma, senón que gozaron dunha experiencia vital única e melloraron a súa formación coñecendo outros sistemas educativos" lembrou Rey.

Este ano o Concello mellorou a achega municipal para que o alumnado que participe no programa dispoña de cartos de peto, axudando a sufragar ás familias a viaxe a Madrid, lugar desde onde parte a expedición e que era asumido por elas. 

Servizo de asistencia e control técnico de dependencias municipais

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a saída a contratación dun servizo de asistencia e control técnico en dependencias municipais que conta cun orzamento de 551.422,26 euros anuais. Trátase da contratación dun servizo que ten como obxectivo mellorar o coñecemento do estado de conservación e mantementos dos edificios e dependencias municipais.

Entre os traballos recóllense a elaboración de documentos de control de edificacións, asistencia técnica para o seguimento das empresas de mantemento e outros traballos de carácter técnico que nos permitirá ter un mellor control do estado de mantemento e necesidades das diferentes instalacións. Terá unha duración de dous anos prorrogables anualmente por tres anos máis.

Licenza de construción de vivenda en Eirís

Tamén nesta Xunta de Goberno Local se concedeu licenza para a construción de 3 edificios nas parcelas 9, 10 e 12 no sector 6 do Parque de Eirís. O proxecto conta cun orzamento de 5,7 millóns de euros e permitirá a construción dun cento de vivendas. Ten un prazo de execución de 36 meses e un prazo para iniciar as obras de 6 meses dende a notificación da concesión da licenza.

"Esta promoción de novas vivendas avanza no obxectivo que nos marcamos para a construción de máis de 4.000 vivendas entre 2024 e 2030 na Coruña, das que máis dun milleiro serán vivendas de protección pública a prezo taxado para facilitar o acceso á vivenda nun momento de especial carestía" explicou a alcaldesa.

Balance de licenzas

Tamén hoxe a Xunta de Goberno Local fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 20 de outubro e 2 de novembro, con 172 expedientes notificados, dos que 30 foron licenzas urbanísticas e 81 foron obras en réxime de comunicado.

Na súa intervención, Inés Rey destacou a concesión de catro licenzas de primeira ocupación en distintos inmobles da cidade, entre eles o do edificio de vivendas sociais promovido pola da Xunta de Galicia en Xuxán. "Damos conta agora desa licenza, notificada á Xunta no seu día, para a que o Concello tardou 24 horas desde que a Administración autonómica presentou o último documento requirido" sinalou Rey.

A rexedora subliñou que a axilidade na concesión da licenza contrasta cos oito anos que a administración autonómica precisou para rematar o edificio desde que anunciou a súa construción. "A Xunta de Galicia necesitou oito anos para finalizar un edificio que, segundo os seus propios cálculos, tiña que estar rematado e habitado no 2017, mais estamos no 2023" concluíu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión