Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xuño de 2021

O Concello retoma o Atlantic Pride con Marta Sango, Yogurinha Borova, Nenita Danger e Xenon Spain

A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou a segunda edición dun “festival con identidade propia”, que terá lugar o 3 de xullo no Teatro Colón nunha versión adaptada á situación sociosanitaria

A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou este mediodía no Teatro Colón xunto aos organizadores Iván Cervo e César Pérez a segunda edición do Atlantic Pride, un evento que formará parte da programación do Orgullo. A edila sinalou que o Goberno de Inés Rey se pon unha vez máis ao lado da creación cultural da cidade e da visibilización do colectivo LGTBI para retomar unha cita, que terá lugar o 3 de xullo, adaptada á situación sociosanitaria actual. Deste xeito, ofrecerase unha versión máis lixeira e dun único día en que actuarán no Colón Marta Sango, Yogurinha Borova, Nenita Danger e Xenon Spain. Neira destacou que se trata dun festival con identidade propia que promove o activismo a través do lecer, a cultura e a festa.

O festival comezou a súa andaina en 2018 cun evento no Teatro Colón, mais foi un ano despois cando cobrou especial relevancia, segundo contou a edila, que recordou que nesa entrega se congregaron miles de persoas arredor dos escenarios musicais e á distinta oferta cultural que se programou durante esa semana. En 2020, o Concello quixo situalo no panorama nacional canto a programación de contido LGTBI, mais tivo que ser suspendido pola pandemia. Meses antes, o Atlantic Pride foi un dos reclamos cos que o Concello tratou de atraer a novas e novos visitantes na edición de Fitur que se realizou en xaneiro. Ademais, o ano pasado foi nomeado a dúas categorías dos Iberian Festival Awards, como mellor festival pequeno e mellor festival novo, nas que quedou de finalista.

As entradas poderanse adquirir en corunacultura.sacatuentrada.es.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión