Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de maio de 2021

O Goberno acepta a proposta da Marea Atlántica para crear o Consello Local da Lingua

O executivo levará a Pleno esta semana a Ordenanza do Galego para a súa aprobación definitiva, dándolle cumprimento así á Lei de uso do galego nas entidades locais de 1988

O Goberno municipal levará a Pleno o vindeiro xoves a Ordenanza do Galego para a súa aprobación definitiva. A Coruña, a única das cidades galegas que non conta cunha ordenanza específica para promover o uso do galego, pasará así a lle dar cumprimento á Lei de uso do galego como lingua oficial das entidades locais, lei que entrou en vigor no ano 1988.

A Ordenanza do Galego completa así a súa tramitación tras o período de exposición pública, en que foron presentadas 50 alegacións ao texto, das que o Goberno propón a aceptación de 18 por considerar que contribúen a enriquecer o novo texto normativo.

Así, o executivo de Inés Rey acepta a proposta presentada pola Marea Atlántica para a creación dun Consello Local da Lingua, órgano que estará presidido pola alcaldesa (ou a persoa en que esta delegue) e do que formarán parte representantes do Goberno local, dos grupos políticos, das traballadoras e traballadores e dos propios servizos de Normalización Lingüística.

O Goberno, indicou José Manuel Lage Tuñas, concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, aceptou a meirande parte das propostas achegadas por Marea Atlántica para enriquecer o texto, mais tamén se tiveron en conta outras melloras achegadas por grupos políticos (PP) e particulares.

A nova ordenanza permitirá unificar os criterios de uso da lingua galega, contribuíndo á normalización do seu uso e á súa promoción desde a Administración local.

A ordenanza contribuirá a rematar coas discrepancias lingüísticas no rueiro e reforzará o uso do galego como lingua propia da Administracións tanto para os trámites como para a comunicación.

A aprobación da ordenanza suporá a culminación do proceso de normalización de uso do galego posto en marcha por Inés Rey, proceso en que se enmarcan a recuperación da microtoponimia local para o rueiro, o emprego por defecto do galego na páxina web do Concello ou o seu uso como lingua oficial na Rede de Escolas Infantís Municipais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión