Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de decembro de 2021

O Goberno aproba definitivamente as ordenanzas fiscais, que recollen 14 bonificacións para fomentar políticas sociais, ambientais e económicas

José Manuel Lage Tuñas: "Aprobamos unhas ordenanzas máis xustas e que contribúen mellor a cumprir o principio esencial para o Goberno de Inés Rey de que os cidadáns acheguen en función das súas posibilidades"

O Concello da Coruña aprobou definitivamente  no Pleno extraordinario celebrado hoxe as novas ordenanzas fiscais que entrarán en vigor o 1 de xaneiro do 2022. As ordenanzas, froito do diálogo e acordo coa Marea Atlántica, pasaron o seu último trámite, con só catro alegacións ás 12 propostas, das que unha, de carácter semántico, foi aceptada.

As novas ordenanzas recollen 14 bonificacións e exencións para persoas e colectivos, e maiores cargas para determinadas actividades de carácter lucrativo. "Aprobamos unhas ordenanzas máis xustas e que contribúen mellor a cumprir o principio esencial para o Goberno de Inés Rey de que os cidadáns acheguen en función das súas posibilidades", sinalou o voceiro do Goberno e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

As novas ordenanzas contemplan bonificacións do 50% na taxa por recollida e tratamento de residuos para familias numerosas e monoparentais, así como a creación dunha nova categoría pola que as vivendas de uso turístico aboarán unha cota específica de 10,33 euros por cuarto, cun mínimo de 66,86 euros por vivenda. A mesma bonificación do 50% para familias numerosas e monoparentais aplicarase tamén nas ordenanzas que regulan as taxas da auga e dos servizos de depuración e saneamento.

No caso da recollida de lixo, aquelas persoas que empreguen un composteiro terán tamén unha bonificación do 50% durante catro anos sobre a tarifa establecida que, un ano máis, non varía. Tamén terán bonificación as empresas que teñan contratado os servizos dun xestor autorizado de refugallos.

As novas ordenanzas contemplan tamén por vez primeira na Coruña unha bonificación no IAE para as empresas cunha facturación de entre 1 e 2 millóns de euros (as que facturan menos de 1 millón de euros xa estaban exentas)  que tiveran rendementos negativos no último ano fiscal. Ditas compañías veranse bonificadas cunha minoración de ata o 10% do imposto. Lage Tuñas destacou que é a primeira vez que na Coruña se aproba unha bonificación nese eido, moi relevante no contexto da pandemia.

As ordenanzas contemplan tamén unha exención de taxas para as entidades veciñais e sen ánimo de lucro que empreguen as instalacións deportivas municipais, e a mesma exención no caso da taxa de mercados para a organización de actividades declaradas de interese xeral pola Xunta de Goberno Local, así como unha rebaixa do 50% para aquelas outras entidades sen ánimo de lucro que empreguen os espazos dispoñibles para a celebración de eventos en San Agustín e praza de Lugo.

Ademais, o Concello da Coruña gravará por primeira vez ás empresas de telefonía móbil polo uso do espazo público, eliminará parte das bonificacións por categoría de rúas aos caixeiros automáticos accesibles desde a vía pública e actualizará as tarifas, despois de 11 anos, ás empresas que empregan o espazo público. 

Conta xeral

Por outra banda, o pleno aprobou hoxe o trámite da Conta Xeral do 2020, documento que recolle a situación de equilibrio financeiro do Concello, que pechou o exercicio cunhas obrigas recoñecidas netas de máis de 240 millóns de euros e un remanente de tesourería para gasto xeral de 6,5 millóns, así como o nivel de endebedamento máis baixo dos últimos anos. Lage Tuñas destacou "o bo funcionamento do servizo de Contratación que, desde a súa reestruturación, levada a cabo en novembro de 2019, vén de mellorar todos os indicadores".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión