12 de abril de 2023
O Concello formará parte da convocatoria a través do proxecto 'A Coruña: cidade comercial, cidade turística, cidade accesible'
O Goberno municipal acordou hoxe, en Xunta de Goberno, a participación do Concello na convocatoria de axudas para o fortalecemento da actividade comercial en zonas turísticas, unha iniciativa emitida o pasado 10 de marzo pola Secretaría de Estado de Comercio.
Os gastos subvencionables asociados a esta liña de axudas abranguen, por exemplo, os asociados a investimentos en espazos públicos, a dixitalización do sector comercial e o reforzo do sector en materia de sostibilidade e economía circular.
Neste sentido, o Concello formará parte da convocatoria a través do proxecto 'A Coruña: cidade comercial, cidade turística, cidade accesible', que inclúe preto dunha decena de iniciativas centradas na reurbanización de espazos públicos en contornas comerciais e o reforzo da dixitalización do tecido comercial coruñés, apoiando a pemes e autónomos. O abano de propostas estima un investimento de 1,6 millóns de euros, dos que serían subvencionables un 80 %, co importe restante a cargo das arcas municipais.
Entre as propostas destaca a creación dun centro loxístico intelixente, unha app -tipo marketplace- destinada ao comercio local e diversas actuacións de restauración de elementos e firmes tradicionais catalogados no centro histórico.
O plan para ampliar a Rolda Peonil chega á Sagrada Familia
O proxecto presentado polo Concello a esta convocatoria tamén abrangue un proxecto piloto que permita analizar a evolución da actividade comercial na Rolda Peonil. A este respecto, e dado que esta liña de axudas contempla intervencións asociadas a investimentos en espazos públicos de importancia comercial, o Concello propuxo a peonalización do treito da rúa Sagrada Familia entre Nosa Señora da Luz e San Xaime, unha das principais arterias comerciais no barrio da Sagrada Familia.
Nesta rúa, e xa durante a pasada edición do Entroido, levouse a cabo unha experiencia similar neste sentido, demandada polas veciñas e veciños, co obxectivo de gozar das actividades ao aire libre alí dispostas no contexto das festas.
"A idea é consolidar o avance da Rolda Peonil e dinamizar un espazo comercial fundamental no barrio da Sagrada Familia", apuntou a alcaldesa. O investimento previsto nesta intervención na Sagrada Familia, ao abeiro das axudas, sería de case 700.000 euros.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible