Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de febreiro de 2022

O medio maratón C21 regresa á Coruña cun circuíto a unha volta e máis de 1.300 corredores

A proba C21 repartirá 14.300 euros en premios o domingo 13 de febreiro cun percorrido por toda a cidade tras dous anos de pausa pola pandemia

O Concello da Coruña presentou este martes unha nova edición da carreira C21, o medio maratón. Será a primeira proba destas características despois de dous anos de interrupción por mor da pandemia e tras o regreso das carreiras populares ás rúas, coas que o Goberno de Inés Rey busca incentivar a práctica do deporte na rúa.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, foi a encargada de presentar as características desta carreira, que se celebrará o 13 de febreiro ás 9.30 horas. O percorrido está homologado pola Federación Galega de Atletismo, cuxo presidente, Isidoro Hornillos, tamén asistiu á presentación. Será unha proba a unha soa volta, a diferenza das anteriores edicións, cando se percorría un circuíto a dúas voltas. Será a segunda vez, tras a edición do 2015, que a C21 se desenvolva nun único traxecto co obxectivo de mellorar aínda máis as características de rapidez tan propias desta proba, xa desde o seu nacemento o 21 de xuño do 2009.

A saída e a meta estarán situadas na zona do Obelisco, no Cantón Grande, onde hoxe se presentou a carreira. Do mesmo xeito que ocorreu na C10, unha das novidades do circuíto será o seu paso polos peiraos do Porto, que este ano quedarán abertos á cidadanía para o seu uso e gozo. Ademais, tamén é novidade o paso da C21 pola céntrica rúa de San Andrés, en pleno proceso de transformación nun bulevar que gañará espazo peonil para os coruñeses e as coruñesas, e servirá de enlace entre o Porto e o Paseo Marítimo pola zona do Orzán e Riazor.O trazado completarase co habitual percorrido desde O Parrote ata Oza, ampliándose nesta ocasión cun tramo que seguirá a antiga beira do río Monelos.

"O feito de que a maioría do percorrido se faga en paralelo en ámbolos sentidos propiciará que, aínda tratándose dunha volta única, os corredores vaian cruzándose constantemente con outros que van a distinto ritmo, o que servirá para compartir esforzos e ánimos para rematar finalmente no centro da cidade, desde o mesmo sitio do que partiron, o Obelisco", apuntou a concelleira de Deportes, Mónica Martínez. Neste sentido, sinalou Martínez, a C21, ao igual que as probas do circuíto Coruña Corre, aposta pola sostibilidade e a conservación da cidade e as súas rúas, polo que o Concello garante que o percorrido estará en perfecto estado durante e despois da celebración da carreira.

Novos prazos de inscrición

Ata o de agora, e tras pecharse o primeiro prazo de inscricións, hai máis de 1.300 participantes confirmados. Ábrese agora unha segunda quenda ata o 6 de febreiro cun custo de 30 euros e, posteriormente, un prazo extraordinario os días 7 e 8 de febreiro cun prezo de 40 euros. A C21 repartirá 14.300 euros en premios entre os primeiros e as primeiras cinco clasificadas da proba, os tres primeiros atletas de orixe español, os tres mellores galegos e galegas, e os tres mellores tempos de coruñeses e coruñesas. Ademais, haberá un premio especial de 1.000 euros para a persoa que consiga bater o récord da proba, fixado en 1 hora, 2 minutos e 30 segundos na categoría masculina e 1 hora, 11 minutos e 16 segundos na feminina.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión