Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xuño de 2021

Principio de acordo unánime para poñer en marcha un novo Presco dotado con 6.260.000 euros

Os bonos para incentivar as compras no comercio, hostalaría, cultura, salas de peiteado e taxis estarán activos entre setembro e novembro deste ano Até 2.000 persoas autónomas e micropemes poderán acceder ás axudas directas de 2.000 euros só cunha declaración responsable

Todos os grupos acordaron hoxe a aprobación dun novo Presco, un plan de reactivación económica e social para facer fronte aos efectos da pandemia e que estará dotado con 6.260.000 euros. O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, agradeceu en nome da alcaldesa, Inés Rey, as aportacións dos distintos grupos ao plan para enriqueceren o texto final, consensuado na Comisión da Facenda celebrada hoxe. Lage Tuñas destacou a disposición de todas/os as/os voceiras/os (Rosa Gallego polo PP, Iago Martínez pola Marea Atlántica, Francisco Jorquera polo BNG e Isabel Faraldo polos Non Adscritos) para chegaren a un acordo que finalmente permitirá que A Coruña conte este ano cun novo Presco, o segundo tras o posto en marcha en 2020.

O plan suporá un investimento total de 6.260.000 euros, cantidade afrontada en exclusiva con cargo ao orzamento municipal e á que haberá que sumar o incremento da programación cultural cuxo custe asumirá directamente o IMCE. A proposta consensuada hoxe aprobarase nunha Xunta de Goberno Local extraordinaria que convocará Inés Rey a semana que vén. A previsión é que o novo Presco se aprobe no pleno do día 8 de xullo, explicou Lage Tuñas.

O novo Presco vertébrase a través de tres eixes principais: social, económico e cultural.

Eixe social:

Dotado con 600.000 euros, dos que 300.000 se destinarán a reforzar as partidas da Renda Social Municipal e das Axudas de Emerxencia Social; 150.000 euros serán para o programa de canguraxe, e 150.000 euros máis para programas de acompañamento de maiores.

Destínanse tamén 250.000 euros para promover políticas de inserción laboral con incentivos de 2.500 euros para a contratación de persoas desempregadas.

Eixe económico:

Destínanse 4.000.000 de euros, cun máximo de 2.000 euros por solicitante (autónomas/os e micropemes), para axudas directas para o pago da Seguridade Social, cotas empresariais e alugueiros.

Plan de incentivos ao consumo (985.000 euros):

  • Bono 10 para o pequeno comercio: Descontos de 10 euros por cada 30 de compra ata un máximo de 30 euros por persoa. 400.000 euros
  • Bono hostalaría: Desconto do 40% desde 10 de euros de consumo ata un máximo de 15 euros por persoa. 200.000 euros.
  • Bono salóns de peiteado e estética: Descontos do 30% desde 20 euros de compra ata un máximo de 20 euros por persoa. 100.000 euros.
  • Bono Mobilidade (Taxi): Descontos do 30% desde 6 euros de compra. Máximo 10 euros por persoa. 50.000 euros.
  • Bono Cultura: Descontos do 30% desde 10 euros de compra. Ata 60 euros por persoa. 235.000 euros.

Así, o orzamento total nos plans de bonos chega aos 985.000 euros. Cada persoa poderá dispoñer dun máximo de 135 euros.

Os bonos terán validez desde o 1 de setembro ata o fin de novembro, escollendo dita data de comercio para non solaparse con outras campañas de promoción do comercio que están a levar a cabo outras Administracións.

Eixe cultural:

No plano cultural destínanse 120.000 euros ao programa de bolsas para a creación artística, e haberá unha programación especial de actividades culturais que afrontará o IMCE. A estas liñas hai que sumar o citado bono cultural que se poderá gastar en todas as industrias culturais da cidade.

Ademais, destínanse 50.000 euros a itinerarios formativos que fomenten o emprego.

Finalmente, o Presco  inclúe tamén 30.000 euros para manter actualizado o mapping de locais comerciais en alugueiro, 50.000 euros para a creación do Consello Económico e Social, órgano interlocutor entre o Concello e os axentes económicos e sociais.

"Co novo plan, o investimento total do Concello da Coruña na reactivación económica e no escudo social achégase aos 20 millóns de euros entre o 2020 e o 2021, un dos maiores investimentos públicos na historia deste Concello", destacou José Manuel Lage Tuñas. "Inés Rey pediunos un esforzo especial para axudar ás persoas que máis están a padecer os efectos da pandemia e o estamos a cumprir", indicou.

O plan de bonos, indicou, supón un incremento da aportación municipal por persoa con respecto ao do ano pasado, chegando ata os 135 euros por usuaria/o.

Ademais, ata 2.000 autónomas/os e micropemes poderanse beneficiar das axudas directas de 2.000 euros, que serán compatibles coas axudas á contratación de desempregadas/os que agora se pagarán practicamente ao 100% só cunha declaración responsable, aforrando trámites ás e aos solicitantes.

Por outra banda, os grupos acordaron tamén incrementar en máis de 2 millóns de euros as contías destinadas aos convenios nominativos con entidades sociais, culturais e deportivas da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión