Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de maio de 2020

Turismo desenvolve unha sinalética para facilitar as distancias nas terrazas dos establecementos de hostalaría

O concello e a hostalería poñen en marcha unha iniciativa que ten como finalidade distinguir os locais que aplican medidas específicas para previr o contaxio da COVID-19, ofrecerlle seguridade á clientela e presentar unha imaxe homoxénea.

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e coa colaboración da Concellería de Mobilidade, presentou esta mañá unha sinalética que ten como finalidade distinguir os locais que nas súas terrazas aplican medidas para previr contaxios pola COVID-19 e ofrecerlle seguridade á clientela. Esta iniciativa, proposta polo sector hostaleiro, servirá para facilitarlles aos establecementos a distribución dos espazos nas súas terrazas.

No acto estiveron presentes a xerente do Consorcio, Lanzada Calatayud, os concelleiros de Turismo e Mobilidade, Juan Ignacio Borrego e Juan Díaz Villoslada, e o representante da hostalería da Mariña, Antón Sáez, quen sinalou que para o sector era moi importante que "toda a sinalética levase a marca do concello".

Así, o concello entregaralles aos establecementos que o soliciten uns vinilos con mensaxes que pretenden axudarlle á hostalería a cumprir as medidas de seguridade impostas polas autoridades sanitarias. Ao mesmo tempo, permite garantirlles á veciñanza e ás persoas visitantes que este verán cheguen á cidade que se respectan as indicacións. Serve ademais para que os locais presenten unha estética homoxénea, en especial nas zonas máis turísticas da cidade.

Por iso, a sinalética empezará a colocarse na Mariña, a fachada máis visible da Coruña, e irase implantando a medida que a pidan os locais de hostalería do centro. O concelleiro de Turismo destacou que esta primeira etapa está pensada para o ámbito turístico monumental, pero que non descarta que a iniciativa se estenda ao resto da hostalaría da cidade a través da Concellería de Comercio.

"Os sinais reforzan e lembran as normas e favorecen a organización das terrazas", explicou o edil, para quen os vinilos "representan unha imaxe moi visual da responsabilidade da hostalaría e da cidadanía".

Con esta iniciativa, o concello pretende axudar a reducir os riscos que implica a aglomeración de xente nos locais de hostalería e os seus arredores. Os vinilos indican a localización da clientela para acceder ao local e a colocación das mesas.

O concello sinala que os establecementos que se acollan deben cumprir o protocolo de seguridade e hixiene establecido, tanto para o persoal traballador como para a clientela. Para iso, asinarán unha declaración responsable de cumprimento das normas. "É fundamental que as persoas consumidoras perciban que a hostalería cumpre coas medidas de distanciamento social e adaptación do local", explicou o edil de Turismo. No caso de non respectárense as medidas, o concello retirará os sinais e poderá sancionar o establecemento.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión