Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xuño de 2020

O concello comeza a súa modernización tecnolóxica co novo servizo de cita previa

As persoas usuarias dos diferentes servizos poden solicitar e xestionar as súas citas, así como coñeceren os tempos de espera á súa chegada ás distintas oficinas municipais desde a web do concello ou polo móbil Desde o pasado 18 de maio, o concello tramitou máis de 7.600 solicitudes. Nas dependencias municipais instaláronse preto de 200 mamparas, dispensadores de hidroxel en todos os departamentos e sinalética no chan para lles garantir ás e aos coruñeses a separación e o tránsito ordenado

A causa da situación creada pola pandemia da Covid-19, e co fin de lle garantir a mellor atención posible á cidadanía, o Concello da Coruña, a través da Concellería de Economía, Facenda e Réxime Interior, pon en marcha un novo sistema de cita previa e de xestión de citas para lles facilitar ás persoas a súa relación cos distintos servizos da Administración local. A actuación enmárcase dentro da estratexia de transformación dixital deseñada polo goberno, adiantándose á súa implantación por mor das circunstancias actuais. "Esta é a primeira de moitas iniciativas de modernización tecnolóxica que poremos en marcha neste mandato", dixo o concelleiro de Econonía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

O pasado 18 de maio o concello retomou a atención presencial ás e aos cidadáns e realizouna aplicando todos os protocolos de seguridade para garantir a saúde das e dos usuarios e do persoal traballador. Co fin de minimizar as molestias e de poder manter a calidade dos servizos instaurouse un sistema de cita de previa que lle facilita á veciñanza concertar a súa cita co servizo que precise mediante diferentes canles.

Desde hai un mes pódense pedir citas a través da páxina web municipal e tamén a través do 010. Agora, ademais, é posible facelo mediante un novo programa, incluído tamén na web municipal, que non precisa descargas e que se pode xestionar desde o teléfono móbil. O programa permite non só solicitar a cita escollendo entre os horarios dispoñibles, senón tamén xestionar e cambiar ditas citas de xeito telemático cando xorde algún imprevisto. Así mesmo, é posible tamén formalizar a cita chamando ao número de teléfono 881 50 51 01. O concello leva xestionadas máis de 7.600 citas desde que se reactivou a atención presencial.

O novo sistema de cita previa permítelle á cidadanía que ten reservado día e hora confirmar a súa chegada ás dependencias municipais mediante a lectura dun código QR situado na entrada das distintas oficinas. O código facilítalle ás persoas usuarias o tempo que lles resta antes de seren atendidas.

Máis aló do novo programa, nos rexistros municipais ubicáronse máquinas dispensadoras de tíckets e pantallas con información sobre as quendas de espera. A recepción das e dos cidadáns está organizada polo persoal municipal (conectado co novo sistema a través dunha tableta) que atende na porta, imprime os tíckets e organiza as entradas de cara a garantir a seguridade nos diferentes centros.

"Fixemos un esforzo por conciliar a atención ás e aos cidadáns coas necesarias medidas de seguridade. O goberno que preside Inés Rey estableceu como prioriade a mellora dos servizos á veciñanza desta cidade. A modernización pasa por facerlle a vida máis fácil, por achegarlle servizos e abrirlle as portas do concello desde a súa casa", indicou o concelleiro, que recordou que o Presco recolle tamén preto dun millón de euros de orzamento para a transformación dixital do concello.

O novo servizo está dispoñible nos catro rexistros e centros de atención cidadá de María Pita, Centro Ágora, Fórum Metropolitano e A Franxa e no vindeiro mes estenderase, entre outras, ás áreas de Urbanismo, Benestar Social e Deportes. Ademais, tamén é posible reservar xa desde a web hora e día para atención persoal nas oficinas de Urbanismo e Mobilidade.

Nos catro rexistros instaláronse mamparas para garantir a separación (11 na Franxa, 11 en María Pita, 4 no Centro Ágora e 3 no Fórum Metropolitano), así como dispensadores de hidroxel e sinalética no chan para manter as distancias e dirixir o tránsito polo interior dos locais. 

Do mesmo xeito, o concello tamén instalou outras 157 mamparas de separación repartidas entre os centros cívicos, bibliotecas, servizos administrativos e dependencias da Policía Local, lugares en que tamén existen dispensadores de hidroxel.

Noticias de A. G. Deportes

Deportes

11 resultados

ver máis

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión