Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de setembro de 2020

O Concello recoñecerá o arquitecto Fernández-Albalat como Fillo Predilecto polo seu inmenso labor na configuración actual da cidade

A proposta, aprobada hoxe na Comisión de Honras, deberá ser agora referendada polo Pleno Municipal que terá lugar o próximo día 1 de outubro. A alcaldesa, Inés Rey, recibiu con entusiasmo a solicitude deste nomeamento porque “Albalat é un referente coruñés na arquitectura da modernidade en Galicia e en todo o mundo”.

A Comisión de Honras do Concello da Coruña aprobou esta mañá a solicitude presentada para concederlle o título de Fillo Predilecto da cidade ao arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois polo seu inmenso labor na configuración actual da cidade, na que deixou boa parte da súa obra. A proposta deberá ser referendada polo Pleno que se realizará o próximo 1 de outubro.

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu con entusiasmo a solicitude deste nomeamento porque "Albalat é un referente coruñés na arquitectura da modernidade en Galicia e en todo o mundo".

A solicitude de honras á figura de Andrés Fernández-Albalat foi presentada pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, referendada por acordo unánime da Xunta de Escola do 8 de setembro e polo Colexio de Arquitectos na súa delegación da Coruña. A dita declaración enmárcase dentro da programación da Semana da Arquitectura 2020 que está a ser organizada polo concello, a Escola de Arquitectura, a Fundación Luis Seoane e o Colexio de Arquitectos.

Na súa solicitude destacan a figura do arquitecto, decano fundador do Colexio de Arquitectos de Galicia, Medalla Castelao e Medalla de Ouro da Universidade da Coruña, e o inmenso labor que realizou no eido da arquitectura e, en particular, na configuración actual da cidade. A Coruña, apuntan, débelle ao arquitecto a presenza da arquitectura contemporánea internacional nas súas rúas.

Albalat, sinalan, pensou a cidade con ambición. A súa Cidade das Rías é, na súa opinión, unha das propostas máis interesantes que se poden atopar para abordar o crecemento dunha cidade baseado na idea dunha cidade descentralizada, idea que se pode contemplar nas vivendas para pescadores de Sada e o conxunto do Castro, un verdadeiro museo de arte contemporáneo que realizou xunto a Isaac Díaz Pardo.

Entre os motivos esgrimidos para a concesión deste recoñecemento está o decisivo papel que xogou Albalat no panorama arquitectónico de posguerra "ensinándonos a mirar coa ambición necesaria, sen esquecer o mellor das nosas arquitecturas tradicionais". No seu escrito, lembran que a entrada na cidade é o escenario de obras singulares como a sede de Ford en Palavea e de obras mestras da arquitectura contemporánea como son os edificios da Seat e da Coca Cola.

Tamén poñen en valor a súa forza para renovar a arquitectura de galerías sempre en diálogo coa tradición ao presentar propostas radicais como os muros cortina do seus edificios. O seu labor pódese ver na reforma do colexio do Dominicos, dos Escolapios, no edificio de Caixa Galicia e na Hípica.

Para as persoas responsables da Escola Técnica Superior de Arquitectura, Albalat é merecedor deste recoñecemento porque, entre outros méritos, "soubo amosar unha arquitectura nova, pero tamén adaptarse ao atopado" Un claro exemplo é a súa restauración da igrexa do Barrio das Flores que deseñara José Antonio Corrales.

Noticias de A. G. Economía, Facenda e Réxime interior

Economía, Facenda e Réxime interior

Sen resultados.

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión