Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de novembro de 2020

O Concello rexistra a solicitude para que a Casa Cornide reciba a distinción de BIC

A alcaldesa, Inés Rey, afirma que o inicio deste procedemento administrativo confirma o compromiso deste Goberno coa recuperación da memoria histórica e de bens que no seu día foron espoliados e que “temos a intención de que revertan no noso patrimonio” Vigo Trasancos sinala que o edificio suma un conxunto de valores cos que dificilmente se lle pode negar a declaración BIC

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que o Concello rexistrou a solicitude formal para que a Casa Cornide sexa declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia logo de rematar o informe histórico-artístico realizado polo historiador Vigo Trasancos. Dita investigación confirma que a súa singularidade debe ser protexida e compartida con toda a veciñanza. Deste xeito, comeza un procedemento administrativo que, para a rexedora, confirma o compromiso deste Goberno coa recuperación da memoria histórica e de bens que no seu día foron espoliados e que temos a intención de que revertan no noso patrimonio: "Ese compromiso permanece inalterable e estes son os primeiros pasos para esa futura recuperación da Casa Cornide, que pertenceu ao Ministerio de Educación e que despois foi obxecto desa permuta para a posterior venda á familia Franco, actuais posuidores do inmoble".

Santiago Vázquez, da empresa Tomos, que realizou co seu equipo un estudo complementario ao de Vigo Trasancos, explicou que o documento está estruturado en diferentes apartados e que cada un deles está redactado por unha persoa especialista no ámbito do que fala, "están arquitectos, restauradores, historiadores da arte, arqueólogos, e tamén un traballo de rexistro previo do monumento, realizado cun escáner láser terrestre que serviu de base para reflectir todo o estudo a posteriori".

Pola súa parte, Vigo Trasancos sinalou que para el, "é unha casa desde o punto vista histórico moi querida porque xa a tiña estudado desde hai tempo pero que agora trateille de sacar o máximo partido co fin de que a condición BIC non se resista". O experto abordou os seus aspectos visuais, que a definen como un monumento moi importante e que se centran primeiro na posición tan destacada que ocupa na cidade onde se situaba o señorío urbano, un valor que se multiplica se temos en conta a súa natureza privada, "é o único da zona, todos os demais son edificios destacados pero oficiais".

Vigo Trasancos destacou que se trata dunha casa senlleira ao non haber dúas iguais en toda a xeografía galega, e que é excepcional polas formas curvas das fiestras, cornixas e de todos os elementos pétreos das repisas de pedra, e da propia balaustrada de ferro. Isto dálle ao inmoble uns valores franceses e cosmopolitas do estilo Luis XV e lévannos a facer paralelismos coas casas coetáneas francesas. Non ten nada que ver co barroco galego nin co academicismo que está a punto de vir, "é un espazo chambrana que mira a Francia nun momento en que os que levan as rendas na Coruña son deste país e "moi probablemente o enxeñeiro que o deseñou tamén o sexa".

O especialista non pasou por alto o patrimonio inmaterial que gardou a Casa Cornide, isto é, as pantasmas vivenciais que tivo en primeira persoa, cun pai de José Cornide, Diego Cornide, que impulsou a súa construción e o proceso posterior e ao que se lle asigna a fazaña de organizar todo o arquivo da audiencia e de ser persoal de confianza do Capitán Xeneral. O autor do informe definiu ao seu fillo, José Cornide, "home capital para toda a ilustración española", que tras dúas décadas vivindo fronte á Colexiata de Santa María do Campo, marchou á Academia da Historia en Madrid para exercer de secretario ata que morreu. Vigo baralla que é moi probable que o enxeñeiro do edificio fora Carlos Lemaur, moi vinculado coa cidade, e nomeou tamén a Pedro Barrié por ser o que puxou pola casa e o que realizou unha nova venda á familia Franco, que "supoño que será o motivo do cisma".

Engadiu o especialista que o patrimonio moble é igualmente destacable cunha pedra perdida que rescatou José Cornide para conservala e que ten unha inscrición en latín que conmemoraba a restauración da Torre de Hércules na época do Duque de Uceda, "dábase por perdida e el localízaa e gárdaa. Despois vólvese a perder ata o século XX, que se atopa facendo de lousa na rúa". Ademais, está a placa que o Concello da Coruña colocou na fachada da casa anterior, en 1892, e que atende a que aquí naceu José Cornide e mais as dúas estatuas do Pórtico da Gloria que os Franco tiveron almacenadas no edificio de 1978 a 1988, tras o incendio do pazo de Meirás. Vigo Trasancos indicou que na súa orixe, a Casa Cornide tiña pouco fondo, "estaba adosada a una construción de planta baixa e cando se reformou para convertela en vivenda privada", ese edificio destruíuse e incorporouse ao principal cunha arquitectura nova que monumentaliza o conxunto e con pedras que proveñen da antiga portada do Hospital de Caridade, que foi promovido por Teresa Herrera. O historiador fixo fincarpé en que o bloque está enraizado pois a unha das personaxes femininas máis importantes da cidade.

"Están as pedras da casa Cornide, as do hospital de Caridade e as dunha escaleira secundaria deste último monumento". Deste xeito, Vigo explicou que este elemento era orixinalmente sinxelo e de madeira, pero que tras a reforma foi substituído por unha escaleira regular de planta cadrada con todos os chanzos de pedra e mais cun habitáculo que comunica co garaxe abaixo e as habitacións da parte superior, e que coincide coa que había no centro hospitalario que foi demolido en 1963, e da que se conversa unicamente un plano. Por último, remarcou dous arcos que están no salón principal da casa de Carmen Polo, e que a inmobiliaria que o puxo en venda describe como "de pedra e dunha gran beleza". Deles dixo que é case seguro que se sacaran do que hoxe é o Hostal dos Reis Católicos e que corresponden a 1500-1510, de estilo tardogótico. O edificio compostelano reformouse nos anos 60, polo que encaixa que estes elementos viñeran a parar a Coruña, "son, polo tanto, testemuños pétreos de tres monumentos importantes e converten a casa nun conxunto de valores cos que dificilmente se lle pode negar a declaración BIC".

Vigo Trasancos sentenciou que monumento xa o é, "agora só queda que quede declarado de forma oficial". Por outra parte, estímase que en seis meses, o Concello poderá recibir unha resposta por parte da Xunta, tras a análise destes informes e os que completen dúas institucións alleas á Consellería de Cultura: "A Lei de patrimonio fala de que se neste período non hai contestación, a petición quedaría desestimada".

Noticias de A. G. Alcaldía

Alcaldía

Sen resultados.

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión