Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de xuño de 2020

O Goberno local modifica as bolsas comedor para facilitar a súa tramitación

Un dos cambios máis relevantes e demandados pola veciñanza será que quen as solicita serán as e os escolares polo que se comprobarán as súas débedas e non as dos seus proxenitores que en convocatorias anteriores dificultaba o acceso a estas subvencións a moitas alumnas e alumnos. A renda per cápita aumentarase ata os 7.000 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobará mañá unha modificación nas bases da convocatoria das bolsas comedor para o curso 20/21 coa finalidade de facilitar a  súa tramitación. O prazo para presentar as solicitudes será de 30 días naturais a partir do 1 de xuño de 2020. Ademais, modificouse outra das bases co obxectivo de definir a unidade familiar nuclear, que é a composta pola persoa solicitante e as persoas que sexan proxenitoras ou ben ostenten a tutela ou a garda. A situación económica da unidade familiar valorarase tendo en conta a renda per cápita anual da familia, que se obterá como resultado de dividir a suma da renda dos proxenitores ou persoas que ostenten a custodia e a do/da solicitante, entre os mesmos membros da unidade familiar nuclear. As persoas solicitantes serán as/os escolares polo que se comprobarán as súas débedas e non as dos proxenitores. A renda per cápita aumentarase ata os 7.000 euros.

No ámbito de Benestar Social tamén se aprobará a solicitude dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación para financiar o programa "Rede municipal de acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero". Desde a concellería indican que o convenio de colaboración dará continuidade ao servizo de acollida, atención integral, recuperación persoal e reincorporación sociolaboral ás mulleres vítimas de violencia de xénero e ás súas fillas e fillos ou persoas dependentes que requiran dun espazo de protección debido á situación de risco causada pola violencia de xénero. O orzamento para 2020 é de 422.674,43 euros.

A Xunta de Goberno tamén lle dará luz verde á contratación do servizo de conservación e mantemento dos xardíns históricos e das árbores singulares da cidade, cun orzamento de 530.098,58 euros. A duración do contrato será dun ano, prorrogable por un ano máis ata un máximo de dous. En todo caso, a duración do contrato queda condicionada á formalización e entrada en vigor dun novo contrato para o mantemento de parques e xardíns municipais, de maneira que a súa vixencia poderá ser inferior ao prazo sinalado.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobará o proxecto de execución dun edificio destinado a 68 vivendas na praza da Fábrica de Tabacos e arquivará as actuacións realizadas tras comprobar o cumprimento da demolición da gasolineira no hipermercado de Alfonso Molina. Tamén acordará interpoñer un recurso contra a decisión ditada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta relativa ao proxecto de ampliación e reforma do parque infantil de Pedralonga.

Urbanismo dará conta na sesión dos 114 expedientes realizados entre o 16 e o 28 de maio. Un total de 19 licenzas urbanísticas, 68 obras en réxime de comunicado, 15 exercicios de actividades en réxime de comunicación previa, 4 en réxime de declaración responsable, 2 demolicións, 2 proxectos de execución, 2 primeiras ocupacións e 2 cambios de uso.

Na sesión de mañá, tratarase a reapertura o venres 5 de xuño do Aquarium Finisterrae e a aplicación dunha tarifa reducida a partir do día 11 de xuño xa que están inhabilitados os módulos táctiles como medida de seguridade fronte ao contaxio pola COVID-19. O persoal responsable do museo habilitará un sistema de cita previa para regular a súa capacidade. Os tres primeiros días serán atendidas as persoas que gocen de entrada gratuíta.

Ademais, a empresa Sidecu Gestión SA continuará coa xestión e a explotación do Complexo Deportivo de San Diego ata que se adxudique unha nova licitación.

Noticias de A. G. Deportes

Deportes

11 resultados

ver máis

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión