Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de xaneiro de 2021

O Goberno municipal aprobará bonificacións especiais nos recibos da auga e dos sumidoiros ante as novas restricións na hostalaría e no comercio

José Manuel Lage Tuñas: “Os novos descontos súmanse á listaxe de medidas fiscais que puxo en marcha o Goberno de Inés Rey, co adiamento do período de cobro de impostos e taxas, tamén este ano, e a exención das terrazas ”

O Goberno municipal levará ao vindeiro Pleno a modificación da ordenanza número 5, reguladora da taxa por subministración de auga, e da número 7, reguladora da prestación do servizo da rede de sumidoiros. Nos dous casos, incorporaranse ás ordenanzas actualmente en vigor dúas disposicións adicionais que permitirán rebaixar o prezo que deban aboar polos ditos servizos as persoas autónomas e pequenas empresas que vexan limitada a súa actividade a causa da COVID-19.

Así, explicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, o Concello da Coruña compensará, cunha rebaixa durante o ano 2021 do 50% dos seus recibos, a todos os establecementos que, por decreto da Xunta, vexan restrinxida a súa actividade.

A nova rebaixa, acordada co BNG e coa Marea Atlántica, sumarase ao desconto que tamén se lles aplicará no recibo do lixo a todos aqueles pequenos negocios que estean nas mesmas circunstancias. No caso do lixo (que se paga nun único recibo), o Concello restará do cómputo final os días de peche ou restrición severa do cómputo final.

No caso da auga e da rede de sumidoiros, a rebaixa fíxase no 50% durante todo o ano, para compensar así os días de peche estimados, xa que non resulta posible aplicar o mesmo criterio que na recollida de lixo, ao se tratar de recibos periódicos.

Se nos vindeiros meses se incrementaren estas restricións, o Goberno municipal estudará novas medidas para aumentar as compensación aos sectores afectados.

Os descontos na auga e nos sumidoiros aplicaranse tanto nos consumos como nas cotas fixas. Os ditos descontos aparecerán reflectidos no recibos que lles enviará Emalcsa ás persoas consumidoras. "Os novos descontos nos recibos da auga e dos sumidoiros súmanse á listaxe de medidas fiscais que puxo en marcha o Goberno de Inés Rey desde o comezo da pandemia, co adiamento no pago de impostos e taxas, que tamén se mantén este ano, ou a exención das terrazas durante o 2020 e o 2021", indicou Lage Tuñas.

No tocante ás bonificacións fiscais, o Concello aplicou descontos no recibo do lixo tamén durante 2020 e non cobrou a taxa de terrazas, da que os locais de hostalaría permanecerán exentos tamén este ano.

Ademais, o Goberno municipal implantou o ano pasado o Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO), cun orzamento total de 14,4 millóns de euros, cantidade investida en axudas directas, incentivos ao consumo e medidas sociais para paliar as consecuencias da crise sanitaria.

A Xunta mantén o canon da auga

O que non varía polo momento nos recibos da auga e do saneamento que envía Emalcsa é o canon de saneamento, que seguirá a cobrarse como até agora. O canon de saneamento é un imposto autonómico sobre o que o Concello da Coruña non ten competencias. "Pedímoslle á Xunta que arrime o ombro e deixe de lle cobrar ese canon a quen teña que pechar por mor da pandemia", indicou Lage Tuñas.

No caso do canon da auga, que lles achega 5 millóns de euros ao ano ás contas autonómicas, o Concello actúa só como recadador para a Xunta, e non recibiu por parte desta ningunha indicación sobre posibles beneficiarios de bonificacións ou exencións. "Nunha situación como a que estamos a pasar, a Xunta ten que aprobar tamén bonificacións como as que xa está aplicando o Concello", explicou Lage Tuñas.

Noticias de A. G. Comercio, Mercados, Consumo e Barrios​

Comercio, Mercados, Consumo e Barrios​

8 resultados

ver máis

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión