Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de decembro de 2020

O Pazo dos Deportes rememora os momentos máis importantes dos seus 50 anos cunha exposición de imaxes e iconas

A alcaldesa inaugurou hoxe a mostra de imaxes e obxectos que se poderán ver na parte exterior dun pavillón que é historia viva desta cidade e do Estado, e que acolleu grandes xestas deportivas, citas culturais e discursos dos líderes políticos máis importantes da democracia

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, inauguraron esta tarde a exposición fotográfica con motivo do 50 aniversario do Pazo dos Deportes en Riazor, un percorrido visual polos acontecementos máis importantes que tiveron lugar neste edificio deseñado por Rey Pedreira xunto a obxectos como a bandeirola inaugural, o primeiro pódium ou algunhas das entradas dos concertos máis emblemáticos.

Acompañada do comisario da mostra, o xornalista Rubén Ventureira, a rexedora recordou que o pazo foi pensado polo grande arquitecto coruñés como unha rede de cordas pechada para lle dar cabida ás bancadas e aos distintos espazos que alberga no interior. A alcaldesa sinalou que aínda que Rey Pedreira escolleu o gris do formigón armado que tanto lle gustaba, "todas e todos sabemos que o corazón deste pavillón é verdibranco e tamén laranxa". Indicou que se conformou como un pazo para os deportes e que cumpriu con esa premisa "desde o momento en que o Concello decidiu darlles acubillo nel ás escolas deportivas municipais".

Rey comentou que se estas paredes falasen, "rememorarían hoxe en alto tardes de gloria con Martinazzo e Huelves, campionatos en que Europa tivo que xirar a cara para nos aplaudir e recoñecer que neste reduto o stick era e é un elemento máis das nosas grandes conquistas". Ademais, engadiu que no pavillón se xestaron as grandes victorias do noso Chaston de fútbol sala e do noso Basquet Coruña, pero que tamén foi escenario de concertos épicos nas décadas dos 70 e dos 80.

Grazas ás miradas de Alberto Martí e Xosé Castro e ao arquivo da Concellería de Deportes, a cidadanía poderá pasear estes días polos seus 50 anos de historia e recordar moitos dos eventos que marcaron a vida dun pavillón construído para acoller xente. Hoxe medio século máis tarde, "podemos dicir que temos aquí parte do noso imaxinario colectivo". A alcaldesa explicou que o edificio forma parte da historia viva da Coruña e do Estado porque, sen sabelo, foi espectador vip do período democrático actual ao pasaren os que despois se erixirían como presidentes do Goberno e da Xunta para daren discursos.

Rey asegurou que como alcaldesa, pero sobre todo, como coruñesa que tamén viviu e sentiu aquí dentro, "quero agradecerlles ao comisario Rubén Ventureira e a todo o seu equipo o esforzo e o traballo de xuntaren en documentos gráficos e obxectos a personalidade dun Pazo dos Deportes que garda con cariño o primeiro e único pódium, que viu a Iugoslavia de Petrovic taponarlle balóns á mesmísima URS no 88, pero, sobre todo, que vibrou cada vez que notaba o peso da afección que nunca se rende". Para a rexedora, as e os deportistas son os verdadeiros donos desta construción emblemática, "xunto ás e aos espectadores que lles dan corda para que se siga falando da Coruña como unha referencia deportiva e cultural do noroeste de España".

No acto estiveron presentes deportistas que xogaron no Liceo, Deportivo, Chaston, Basquet Coruña, Medina e Tabacos xunto aos anteriores concelleiros de Deportes Emilio Quesada, Eduardo Blanco, Esteban Lareo, Xan Caxigal, Fran Mourelo, José Manuel Sande e Juan Ignacio Borrego así como representantes dos distintos grupos políticos municipais.

Noticias de A. G. Deportes

Deportes

10 resultados

ver máis

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión