14 de xaneiro de 2021
Inés Rey: “ASPESOR foi a orixe da Federación de Asociacións de Xordos de Galicia que se converteu nun referente dentro e fóra de Galicia e tamén do movemento asociativo das persoas xordas”. A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, anunciou que este ano se asinará un convenio para que o concello conte cunha persoa intérprete de signos e que aínda quedan reivindicacións pendentes, como a presenza destas/es profesionais nos hospitais e nas administracións e que se impartan clases de LSE nos colexios.
O Pleno aprobou esta mañá por unanimidade concederlle a Medalla ao Mérito da cidade na súa categoría de Ouro á Asociación de Personas Sordas de A Coruña. A alcaldesa, Inés Rey, agradeceulles a Susana Castelo, Manuel Andrade e Iker Sertucha, persoas representantes da entidade, a súa presenza no salón de plenos e destacou o labor desenvolto por ASPESOR na cidade nos últimos 50 anos. "ASPESOR foi a orixe da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), que se converteu nun referente dentro e fóra de Galicia e tamén do movemento asociativo das persoas xordas", sinalou Rey.
ASPESOR é unha entidade indispensable para garantir os dereitos das persoas xordas. "O labor social que desenvolve a entidade, en que destaca a promoción da lingua de signos faina acredora deste recoñecemento", explicou Rey, quen lembrou que, cando naceu a asociación, "a lingua de signos era coñecida como linguaxe mímica e 50 anos máis tarde é unha lingua declarada oficial, grazas á promoción que a asociación fixo dela". Tamén destacou o labor social da asociación, que soubo aglutinar todas as persoas xordas de Galicia e as súas familias.
Subliñou que esta distinción é o recoñecemento a un labor que fixo posible que se visualizase o colectivo de persoas xordas, a súa contribución ao derribo de barreiras que dificultan a integración deste colectivo, así como o seu liderado no conxunto de Galicia no desempeño desta función. E, como non, contribuíu á sensibilización de toda a cidadanía cara ás persoas xordas poñendo en marcha iniciativas pioneiras que foron logo adoptadas noutros concellos e institucións galegas.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, cualificou esta distinción como "o broche á celebración dos 50 anos da actividade dunha asociación que constitúe unha peza clave do tecido asociativo non só da cidade, senón de Galicia".
Neira anunciou que o Goberno local ten previsto asinar ao longo deste ano un convenio para que o Concello poida contar cunha persoa intérprete de lingua de signos e que aínda quedan reivindicacións pendentes, como a presenza destas/es profesionais nos centros hospitalarios e na Administración ou a posibilidade de impartir clases de lingua de signos nos colexios como materia.
Grazas ao seu labor, Galicia contou coas primeiras e os primeiros intérpretes de linguaxe de signos, unha tarefa que non estaba profesionalizada e que asumían as e os familiares das persoas xordas. Neste sentido, Neira expresou o seu orgullo de que A Coruña, en 2001, for dos primeiros concellos en asinar un convenio con ASPESOR para contratar unha destas persoas intérpretes.
14 resultados
O 18 de abr de 2024
A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, fíxolle entrega das bolsas individuais, tamén dispoñibles para a súa recollida no Centro Cívico
O 7 de abr de 2024
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou no acto de entrega de premios ás e aos gañadores
O 13 de mar de 2024
A Coruña foi a única cidade galega en crear unha oficina específica de atención ás persoas que fuxían da invasión rusa
O 5 de mar de 2024
As persoas interesadas poden participar no conxunto das sete carreiras ou apuntarse para a XII Carreira Popular da Torre do próximo 23 de marzo
O 25 de feb de 2024
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a entrega de medallas aos gañadores
O 19 de feb de 2024
A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montserrat Paz, recibiu ao vehículo que permite o seu uso asistencial ou medicalizado
ver máis
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible