Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de setembro de 2020

Rey anima a cidadanía a cubrir os 12.000 dorsais dispoñibles para correr desde a casa a sétima carreira Enki en outubro

A alcaldesa e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, destacaron que se trata dun dos eventos deportivos pola inclusión máis importantes que se realizan na cidade e que o 100% do diñeiro recadado irá para as entidades sociais que traballan nos eidos das diversidades

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou a sétima Carreira de Obstáculos pola Inclusión Enki, que terá lugar este ano desde a casa do 5 ao 10 de outubro, a través de circuítos deseñados polas propias persoas participantes con barreiras que elas enxeñarán por iniciativa propia ou seguindo os titoriais da organización. A rexedora animou a cidadanía a cubrir os 12.000 dorsais dispoñibles e destacou que este é un dos eventos deportivos pola inclusión máis importantes que se realizan na cidade que ten a finalidade de visibilizar todos os obstáculos aos que se enfrontan as persoas con diversidade "e que loitaremos entre todas e todos por rompermos e por saltarmos". Rei recordou que terá lugar nun ano tamén de obstáculos, en que "fomos capaces de saír adiante".

No acto tamén participou a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, que explicou que o marabilloso desta convocatoria é que o 100% do recadado nos dorsais irá destinado ás entidades sociais que participan. Ademais, interviñeron na presentación Belén Rey, directora de comunicación da Fundación María José Jove; Marc Benhamou, director territorial en Galicia da Fundación La Caixa, Caixabank, e Ángel López, presidente da Fundación Abrente, os impulsores da iniciativa. O seu responsable afirmou que con Enki se dará a coñecer o día a día das entidades que se xa tiñan antes moito traballo, agora coa COVID se incrementou: "Así que espero que este ano sirva para visibilizar aínda máis o que fan".

Engadiu que #JUGAMOSENCASA é o lema desta edición que se nutrirá con vídeos e titoriais para que as persoas participantes teñan unha pequena idea de como facer a carreira porque "buscamos visibilizar a diversidade e diversión", polo que convidou as e os coruñeses a "que lle dean á cabeza para pensaren cousas diferentes. Non aseguramos que non rompa algo na casa ou que polo Nadal aínda quede confeti no salón". Desde flotadores no chan a probas que inclúan "corpo a terra" ou cordas, desde a organización irán dando ideas para que o evento se converta nunha festa.

A inscrición pode formalizarse desde hoxe a través da páxina web www.enkiproyecto.com. A cota é este ano única, de 3 euros por persoa, e incluirá unha bolsa de corredora/corredor con moitas sorpresas.

Tras se converter na proba líder en Galicia o ano pasado con preto de 10.000 inscritas/os, na edición deste ano aspiran a chegar a 12.000. Deste xeito, estenderán a duración e dunha tarde pasará a se realizar seis días, do 5 ao 10 de outubro, co fin de dar máis opcións de participación tanto das entidades como do alumnado dos centros educativos e do público xeral. Así mesmo ampliarase o tradicional Espazo da Solidariedade, que se traducirá en mesas redondas, charlas e outras iniciativas que permitirán achegar o labor dos colectivos que traballan no eido das diversidades.

Noticias de A. G. Concellarías - Mandato 2019-2023

12 resultados

ver máis

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión