Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de abril de 2021

Rey: "Hoxe dámoslles voz ás diferentes dimensións do deporte coruñés coa creación do Consello Municipal do Deporte"

A alcaldesa declarou constituído formalmente o primeiro Consello Municipal do Deporte da historia cidade ao que asistiron 120 persoas representantes de 93 entidades deportivas, 12 institucións e 7 entidades sociais, “que desde hoxe intervirán na práctica deportiva da Coruña”

A alcaldesa, Inés Rey, referiuse ao novo Consello Municipal do Deporte da Cidade da Coruña como un "espazo de reflexión e decisión sobre a organización da estrutura deportiva coruñesa en que lles daremos voz ás diferentes dimensións do deporte, desde o ámbito máis local e de base, ao de elite e de maior proxección internacional" xa que, apuntou, "para mellorar, dinamizar e potenciar o deporte da cidade é necesaria a participación de todos os axentes deportivos".

O estadio de Riazor acolleu esta tarde o pleno constitutivo do Consello Municipal do Deporte, ao que asistiron 120 persoas e que estivo presidido pola alcaldesa da Coruña e presidenta deste novo ente, Inés Rey; a concelleira de Deportes e vicepresidenta primeira do consello, Mónica Martínez; o vicepresidente segundo, Fernando Blanco; e o secretario do consello, Pablo Castedo. Á sesión constitutiva tamén asistiron persoas representantes de 93 entidades deportivas, 12 organismos e institucións e 7 entidades sociais, "que intervirán desde hoxe na práctica deportiva da cidade do futuro e, por tanto, na Coruña que queremos e na que cremos", sinalou a alcaldesa. Ademais de todos os clubs, asociacións e federacións deportivas da cidade tamén están representadas neste consello institucións e organismos como a Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Autoridade Portuaria, Demarcación de Costas, Universidade da Coruña, Fundación Emalcsa, Federación provincial de ANPAS e o Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física de Galicia.

O Consello Municipal do Deporte, que a alcaldesa propuxo ao chegar a María Pita, será "unha ferramenta útil para captar as necesidades e demandas específicas deste ámbito co fin de podermos reflexionar conxuntamente sobre as mellores propostas para atendermos as devanditas necesidades", indicou a alcaldesa.

A rexedora lembrou o compromiso do Goberno local co deporte e destacou os investimentos en infraestruturas deportivas levados a cabo no pasado exercicio  cunha execución de máis de 5 millóns de euros. Destacou o complexo deportivo do Castrillón, a reforma da cuberta da piscina de Riazor, a reparación da piscina de Santo Amaro, a construción do campo de Eirís ou a reforma dos campos de fútbol da Cidade Deportiva A Torre Arsenio Iglesias. Tamén a reforma dos vestiarios no polideportivo de Labañou,  a marquesiña dos campos de fútbol de Visma, a ampliación do rocódromo do Frontón de Riazor ou a climatización da sala de esgrima da Casa da Auga.

"Este consello que inicia hoxe a súa andaina é parte do noso compromiso co deporte. Compromiso que adquirín ao dedicar unha concellería en exclusiva ao deporte desta cidade". Un compromiso que está a plasmar con feitos como a concesión de 65 bolsas a deportistas por un importe total  duns 122.000 euros ou as  subvencións  ás entidades que fomentan a realización de actividades físicas e deportivas con 280.000 euros -un 233,33% máis que no exercicio anterior. "Ao mesmo tempo, desbloqueouse o uso de instalacións deportivas municipais, que non se renovaba desde 2016 e puxéronse a disposición das entidades deportivas coruñesas 52 instalacións de dominio municipal, con máis de 600 franxas horarias semanais. En canto aos convenios deportivos, o Concello investiu un millón de euros pese á perda de ingresos xerada pola Covid".

Rey lembrou que "A Coruña xa era un referente en España polas súas instalacións deportivas, por ser pioneira na posta en marcha das escolas deportivas e pola súa aposta pola cultura do deporte" e hoxe, sinalou, "con este Consello Municipal do Deporte que teño a honra de presidir, damos un paso máis, o de implicar directamente o sector do deporte na toma de decisións sobre políticas deportivas".

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, amosou a súa convicción de que "se logramos excluír os individualismos e apostar por todo aquelo que nos é común, conseguiremos os resultados que nos propoñemos".

Noticias de A. G. Alcaldía

Alcaldía

Sen resultados.

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión