Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de novembro de 2020

Turismo investirá 650.000 euros para potenciar o Aeroporto de Alvedro

O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, sinalou que “as aprobacións que hoxe avanzamos constitúen unha aposta inequívoca do crecemento do aeródromo Coruñés”

O concelleiro de Turismo e Relacións Institucionais, Juan Ignacio Borrego, anunciou en rolda de prensa que o Consorcio de Turismo achegará 650.000 euros para potenciar o Aeroporto de Alvedro a través de tres asuntos estratéxicos que se aprobaron esta mañá na Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña. Por unha banda, pechouse o acordo coa Cámara de Comercio para duplicar durante tres meses a conexión con Madrid a través dun proxecto piloto. Acordouse tamén licitar a conexión con Bilbao con dúas frecuencias semanais e 104 voos durante o ano. Finalmente, dispúxose tamén licitar a promoción das rutas de Madrid, que implicarán un aumento de case o 100% dos voos á capital.

"As aprobacións que hoxe avanzamos son unha garantía de tres anos para Alvedro, unha mostra de que Alvedro está preparado e con estabilidade contractual prevista para manter as conexións fundamentais do noso aeródromo", asegurou o concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego. Estas medidas, asegurou, "como moito teñen que estar camiñando no primeiro semestre do ano que vén" e, constatou, "o Goberno que dirixe Inés Rey porá o Aeroporto de Alvedro moito mellor que como se atopaba en 2019". O edil agradeceu o consenso e a unanimidade de todas as forzas e institucións do Consorcio, "mesmo do BNG, que non tendo presenza nesta entidade, coñecía os avances dos temas aprobados, polo que amosou tamén o seu apoio".

Por unha banda, déuselle luz verde á posta en marcha do convenio de colaboración entre o Consorcio de Turismo e a Cámara de Comercio, unha experiencia piloto desde A Coruña e durante tres meses que implicará o aumento da conectividade aérea con Madrid nun 50% e que lles dará a posibilidade ás e aos coruñeses de iren e volveren á capital do Estado no mesmo día e varias veces por semana. O edil de Turismo sinalou que "durante tres días teremos avións durmindo na nosa cidade, de Iberia e con base en Alvedro, que despegarán cara a Madrid ás 6.30 h da mañá" e, indicou, "que este proxecto pioneiro supón unha conexión moi operativa e dinámica para as necesidades das viaxes de negocios e de traballo". Neste acordo de colaboración, o Consorcio de Turismo achega 150.000 euros, dos 200.000 euros totais do convenio, e a aeroliña Iberia valora o seu risco en 500.000 euros. O proxecto piloto activarase o 17 de novembro e rematará o 17 de febreiro. A viabilidade deste proxecto piloto suporíalles un aforro de custos ás empresas e negocios con sede na Coruña. Ademais, o concello quere reforzar esta comunicación, dado que o avión supón a forma de se trasladar máis rápida desde esta punta do mapa ao centro do Estado.

Por outra banda, o consorcio aprobou o inicio do expediente da contratación da ruta de Bilbao. Borrego explicou que esta aprobación "supón o establecemento por contrato público das conexións con Bilbao, pensando no gran Bilbao pero tamén na potencia de conexión que ten este aeródromo co sur de Francia: Touluse, Marsella, Burdeos, Niza e Lyon". O contrato que se aproba ten unha duración de dous anos máis un prorrogable e licitarase por valor de 250.000 euros anuais. Isto suporá á posta en marcha de dúas frecuencias semanais, 104 voos ao ano, o que se traduciría en 26.000 pasaxeiras/os que poderán gozar deste servizo.

Por último, o consorcio aprobou contratar a promoción das rutas de Madrid, tamén de dous anos de vixencia máis un prorrogable e cun investimento de 250.000 euros anuais, e través do cal se aumentan as frecuencias mínimas semanais de 13 a 20. Deste xeito, asegura Borrego, "imos garantir que a través da contratación se manteña a estabilidade das operacións aéreas con Madrid e Bilbao, independentemente de como se resolva tamén o aprazamento actual do contrato con Vueling". Ademais, o concelleiro anunciou que existen consultas de aeroliñas nacionais que están interesadas en potenciaren o norte de Francia.

Noticias de A. G. Alcaldía

Alcaldía

Sen resultados.

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión