Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de decembro de 2019

O ciclo Principal traerá en 2020 desde o lado cómico de Sartre ata a “Ay Carmela” máis reflexiva

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, e o director do teatro Rosalía, Paulo Rodríguez, presentaron a nova entrega que incluirá obras dirixidas por Luis Luque, Fernando Soto, Belén Pichel ou Bárbara Lluch

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou esta mañá o vindeiro semestre de programación do ciclo Principal no teatro Rosalía, acompañado do seu director Paulo Rodríguez. O edil recordou os 180 anos de funcionamento dun emblema da cidade, que prepara para a primavera de 2020 unha entrega con obras de autorías como Alberto Conejero, Sanchís Sinesterra, Chéjov, Shakespeare ou Cándido Pazó e direccións de alta solvencia como Luis Luque, Fernando Soto, Belén Pichel ou Bárbara Lluch. O apartado conta na actualidade con 540 abonadas e abonados. O responsable do auditorio informou de que do 16 de decembro ao 3 de xaneiro abrirán o proceso de renovación de carnés e quen queira realizar algún cambio de butaca, poderá realizalo o 7 de xaneiro. Para a venda de novos abonos, habilitaranse os canais habituais o 8 e o 9 xaneiro e as entradas soltas estarán dispoñibles a partir do 10 de xaneiro.

Como vén sendo habitual, haberá unha batería de tres pezas soltas como son "Conservando a memoria", que ofrecerá dous pases de aforo reducido para 70 persoas, e "What is love? Baby don't hurt me", en que a compañía Wichita Co fará unha versión libre do "Ivánov", de Chéjov. Por último, "Traces" consistirá nun monólogo sobre esa Ítaca da reconquista do continente africano.

O responsable contou que non faltará drama e comedia cunha primeira obra o 24 e o 25 de xaneiro titulada "Todas las noches de un día", na que o público reflexionará sobre o amor a través da busca da actriz Ana Torrent por un xardín metafórico. Desde unha "Ay Carmela" reflexiva á "Vida de cans", nos que os protagonistas serán cadelos, as e os espectadores poderán desfrutar dun variado de temas que irán lonxe no tempo con "Mestiza", onde Tirso de Molina entrevistará a Francisca Pizarra, a primeira mestiza do Perú.

En "La Isla", unha parella de lesbianas enfrontarase á difícil situación de coidar un fillo con discapacidade, e "Nekrassov" presentará o lado máis cómico de Jean-Paul Sartre. Na recta final, o Rosalía traerá "Prostitución", un espectáculo no que se abordarán todas as posturas sobre a comercialización do corpo sen se posicionar, para despedir o ciclo en maio con "Sueño de una noche de verano" e "A compañeira de piso".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión