Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de setembro de 2020

Inés Rey volve propor unha declaración unitaria de toda a Corporación sobre o caso Fuenlabrada

A alcaldesa considera que “non é momento de partidismos, senón de postura común de cidade, tal e como nos está pedindo o deportivismo”. “Propuxen esta semana un acordo pactado entre todas e todos, sen titubeos, e espero que os grupos que o rexeitaron rectifiquen, e volverei facelo todas as veces que faga falta”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, insistiu hoxe na proposición realizada a todos os grupos do Pleno municipal de pactar unha Declaración Institucional unitaria que "manteña unha postura de cidade respecto aos atropelos cometidos coa Coruña e o Real Club Deportivo desde que o pasado 20 de xullo o Fuenlabrada, co aval da Liga de Fútbol Profesional, incumprise todos os protocolos sanitarios e viaxase á Coruña cun gromo de COVID-19". A alcaldesa solicítalles a todos os grupos da Corporación municipal a mesma unidade que tivemos contra a pandemia cando aprobamos por unanimidade o Plan de rescate económico e social. Esa actitude conxunta "ten que servirnos para defender a cidade desta inxustiza e deixarmos a un lado actitudes partidistas".

"Creo que A Coruña sabe que a súa alcaldesa está actuando con firmeza en defensa da cidade e do Dépor. Os feitos están aí, o Goberno municipal actuou desde o primeiro momento e, entre outras cousas, conseguimos que se abrisen dilixencias contra Javier Tebas e o Fuenlabrada no Xulgado de Instrución número 6 da Coruña. En ningún momento puxen por diante ningún interese que non fose o colectivo da cidade e non o vou facer, iremos ata o final", explicou Rey.

A alcaldesa asegura que "desde o primeiro momento, considerei que era importante sacar esta cuestión do debate partidista, a forza da cidade pasa por estarmos unidas/os, como está tamén o deportivismo. Por iso, lles formulei aos grupos municipais que o lóxico sería negociar e pactar unha Declaración Institucional unitaria, incluso propuxemos un borrador, susceptible de cambios, no que non se esquivaba ningún asunto de relevancia. Por desgraza, tanto o PP como a Marea rexeitaron ese ofrecemento e prefiren ir por libre. Sería un erro".

"A cidade e o deportivismo estanlle pedindo unidade á Corporación municipal. Espero que todos os grupos escoiten aquilo que nos están a dicir, sería unha mágoa que por razóns partidistas non se lograse o pacto que ofrecín e lle levásemos a contraria, por exemplo, á querida Federación de Peñas do Deportivo. Eu volvo propoñer pactar unha Declaración Unitaria, temos tempo, penso seguir insistindo nela ata un minuto antes mesmo do Pleno, por min non vai quedar", indicou Inés Rey.

"Os grupos saben que non existe ningún impedimento serio para asinar esa declaración, á que eu mesma daría lectura para dar despois paso ás persoas portavoces dos grupos para que fagan as súas achegas particulares. É o máis democrático e o mellor servizo para a cidade. Pode comprobarse no borrador que presentamos que non hai problema en reprobar a Jabier Tebas ou en pedir a dimisión da presidenta do CSD, polo tanto non hai motivo ningún para non ir xuntos que non sexa o partidista, do que eu preferiría escapar, como nos pide a cidadanía e o deportivismo", rematou a alcaldesa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión