Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de outubro de 2019

Medio Ambiente aposta por un futuro comprometido coa eficiencia enerxética, a economía circular e a loita contra o cambio climático

A concelleira Esther Fontán participou na presentación dos resultados da Unidade Mixta de Gas Renovable, un proxecto conxunto de Naturgy, o Centro Tecnolóxico EnergyLab e Edar Bens, que permite a produción de gas renovable para usalo en vehículos ou inxectalo á rede

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, participou esta mañá na presentación dos resultados da Unidade Mixta de Gas Renovable, un proxecto conxunto de Naturgy, o Centro Tecnolóxico EnergyLab e Edar Bens SA, encargada de xestionar as augas residuais da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. A edila sinalou que o proxecto atende a cuestións que desde o concello están presentes desde hai 20 anos e que van na liña dun futuro comprometido coa eficiencia enerxética, a economía circular e a loita contra o cambio climático: "Estamos ante unha mentalidade na que innovar significa encontrar novos recursos dos que xa dispoñemos. A necesidade e o encarecemento dos combustibles fósiles colócannos ante a posibilidade de aproveitarmos materiais como os residuos orgánicos ou lodos da depuradora, que nos permiten minimizar o consumo e diminuír o impacto da pegada do carbono".

Fontán explicou que desde o Goberno local traballan na planta de tratamento de residuos urbanos de Nostián cos domiciliarios e no aproveitamento de biogás no vertedoiro de Bens, onde aínda funciona un xerador: "O concello aposta pola economía circular, polo que seguiremos adiante con estes proxectos, actualizándoos tecnoloxicamente e converténdoos en auténticos motores de eficiencia enerxética, apostando por políticas que favorezan a sustentabilidade do planeta". Neste compromiso, a concelleira incluíu ás organizacións, administracións, empresas e cidadáns, en xeral.

O proxecto piloto do que se facilitaron datos fixo xa posible o funcionamento dun autobús metropolitano durante 100.000 quilómetros e, na súa fase de desenvolvemento pleno, pode xerar suficiente biometano como para reducir 6.600 toneladas de CO2 ao ano con respecto ao gas natural, como explicou David Meana, de EnergyLab, responsable técnico do proxecto. Este volume de emisións equivale ao que producen 700 voos de pasaxe entre Madrid e A Coruña.

Pola súa parte, a Fundación Cotec para a innovación elixiu a iniciativa como exemplo de boas prácticas no tratamento de residuos dentro do seu informe anual sobre a situación e evolución da economía circular en España.

A Unidade Mixta permitiu a implantación de dúas instalacións de purificación de biogás: a primeira, pioneira a nivel nacional, é unha planta de membranas; a segunda, das poucas que existen no mundo, transforma en metano o CO2 dunha corrente de biogás a través da metanación biolóxica. Grazas a estas tecnoloxías, actívase unha corrente de gas renovable susceptible de ser usada como combustible alternativo en mobilidade ou para a súa inxección á rede de gas.

No acto interveu tamén o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o director de innovación de Naturgy, Jesús Chapado; o director xeral de EnergyLab, Juan I. Rodríguez, e o director xeral de Edar Bens SA, Carlos Lamora.

A Unidade Mixta de Gas Renovable púxose en marcha en 2017 e finaliza este mes de outubro. Enmárcase dentro da Estratexia EidusCoruña, que está financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do eixo de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Ademais, está cofinanciada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN). Un dos seus fitos foi a instalación dunha 'gasineira' na depuradora de Bens que subministrou combustible para o autobús e cubriu as necesidades de combustible de tres furgonetas que prestan servicio a Edar Bens SA e que percorreron entre todas máis de 35.000 km, o que supuxo unha redución de emisións de preto de 6.000 t de CO2.

A principios do ano que vén instalarase o módulo de inxección á rede, que lles levará gas renovable a 350 fogares galegos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión