Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de maio de 2024

A Coruña recibe aos 200 mellores marchistas do mundo no Gran Premio Cantones

A competición celebrarase o sábado a partir das 17.00 horas

O Gran Premio Cantones celebrará a súa XXXVII edición este sábado, 18 de maio, a partir das 17.00 horas, coa participación dos e das 200 mellores marchistas do mundo. O Goberno de Inés Rey continúa amosando o seu apoio activo a unha das mellores probas de marcha do mundo, como certifican os seus numerosos recoñecementos e a presenza na cidade dos e das mellores deportistas.

Recentemente, a Real Federación Española de Atletismo entregou a esta proba o galardón á mellor organización, sumándose a outros distintivos como o de Patrimonio Mundial de Atletismo de World Athletics. 

O circuíto transcorrerá polos Cantóns, cun percorrido circular. Está prevista a participación de atletas de 25 nacionalidades en categoría feminina e de 22 na masculina, ademais doutras 9 na categoría de 10 quilómetros, cun importante elenco mundial de marchadoras e marchadores de gran categoría. 

Nesa edición, confirmaron a súa asistencia na proba feminina un total de sete medallistas mundiais, entre as que destaca a presenza da marchadora española bicampioa do mundo en Budapest María Pérez, quen reaparece despois da súa inoportuna lesión coa mente posta nos Xogos Olímpicos.

A expedición chinesa estará encabezada pola bronce olímpico en Tokio-20 Liu Hong, e complétase coa presenza de Shijie Quieyang bronce mundialista en Oregón-22 e Zhenxia Ma gañadora desta proba en 2018 e 2022. A bicampioa mundial en Oregón-22 e gañadora do certame coruñés a pasada edición Kimberly García será sen dúbida outro dos grandes atractivos desta edición.

Outro dos focos importantes de atención nesta proba feminina será a que centren as marchadoras galegas Antía Chamosa e Aldara Meilán. Chamosa atópase na lista de serias aspirantes a ocupar praza olímpica. 

Na categoría masculina novamente as miradas estarán centradas na actuación dos españois liderados por Alvaro Martín, flamante bicampión do mundo nas probas do 20 quilómetros e 35 quilómetros. Na pasada edición de Budapest. Xunto ao marchador pacense estarán tamén os finalista olímpicos Marc Tur e o gañador desta proba no 2021 e terceiro en Antalya Diego García. Un potente equipo xaponés virá encabezado polo subcampión olímpico en Tokio Koki Ikeda quen estará acompañado polo campión do mundo en Oregon-22 Toshikazu Yamanishi. Un dos asiduos a Cantones, o brasileiro bronce mundialista en Budapest-23 Caio Oliveira de Sena lidera o grupo de marchadores Iberoamericanos que completan o portugués subcampión mundial o Doha-19 Joao Oliveira.

Por outra banda, nesta competición estarán en xogo as últimas prazas olímpicas. Pola parte española, decidiranse a última praza feminina e masculina do 20 quilómetros.

Afeccións ao tráfico e corte do servizo de BiciCoruña

O desenvolvemento desta proba de carácter internacional levará aparellado un dispositivo de seguridade que obrigará a modificar o tráfico no ámbito dos Cantóns. Nese sentido, a partir das 14.00 horas pecharase o Cantón Grande para a instalación da liña de meta e de saída. O corte total do circuíto está fixado para as 14.30 horas e ata a finalización da proba, prevista para as 21.30 horas.

O espazo acotado irá do Cantón Pequeno, sen invador a praza de Mina, a Alcalde Manuel Casas, en ambos sentidos de circulación. Haberá un corte e desvío do tráfico na praza de Mina e avenida da Marina, a altura de Ambrosio Feijoo. Por outra banda, a rúa Entrexardíns estará reservada para a organización.

Ademais, suprimirase a parada de taxis do Obelisco, pecharanse as entradas e saídas do aparcadoiro subterráneo na zona do circuíto, o transporte metropolitano só circulará ata a parada da Palloza e modificaranse os percorridos das liñas de buses urbanos creando paradas provisionais na avenida do Porto. As persoas residentes e usuarias da rúa Durán Loriga non poderán circular cara Santa Catalina e as persoas usuarias dos garaxes da rúa Nova deberán circular a través de San Andrés e rúa Alta.

Por último, tamén interromperase da base de BiciCoruña do Obelisco, entre as 14.00 e as 22.00 horas. As persoas usuarias do servizo serán avisadas a través do correo electrónico, da App Coruña e de redes sociais.

Un referente desde 1987

O Gran Premio Cantones de marcha naceu en 1987 impulsado polo entón presidente da Federación Galega de Atletismo, Sergio Vázquez. Na súa primeira competición contou coa presenza de catro medallistas olímpicos e seis medallistas e un campión europeo. Desde entón foi medrando a súa popularidade ata converterse hoxe en día unha das probas referentes do circuíto mundial.

Foi no 2005 cando se creou o Race Walking Challenge e A Coruña é a única cidade presente en todas as edicións disputadas ata o momento. Na cidade estiveron marchadores dos cinco continentes en representación de ata 71 países distintos. O Gran Premio Cantones conta coa denominación Golden Level dentro do circuíto mundial, o que o acredita na máxima categoría da competición xunto a Philadelphia (EEUU), Dudince (Eslovaquia), Taicang (China), Dublín (Irlanda), Tokio (Xapón) Camberra (Australia) e Varsovia (Polonia).

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión