Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de decembro de 2015

Máis de 3.000 persoas participarán na derradeira cita deportiva do ano, que terá a súa meta na Praza de María Pita e premiará os mellores disfraces

A VI Carreira de San Silvestre obrigará a cortar mañá á tarde un carril do Paseo Marítimo

O servizo de autobús urbano modificará o itinerario das liñas que circulan polos Cantóns durante a celebración da proba

A tradicional Carreira de San Silvestre celebrará mañá a súa sexta edición nas rúas da Coruña. A proba, de carácter festivo, pechará o ano deportivo da cidade cun trazado que percorrerá o litoral coruñés e os barrios de Peixería e Cidade Vella. Máis de 3.000 deportistas populares sairán ás 17.00 horas do Obelisco co obxectivo de chegar á meta que estará situada na Praza de María Pita. Como vén sendo habitual, a Carreira de San Silvestre, organizada polo Concello da Coruña e o Club Rialto, premiará os mellores disfraces individuais e colectivos das e dos corredores, ademais das primeiras persoas clasificadas das distintas categorías.

O trazado, dunha soa volta de 7,6 kilómetros, terá a saída no Obelisco. Unha vez tomen a saída ás 17.00 horas, as e os deportistas dirixiranse cara o Paseo Marítimo (pasando polo Cantón Pequeno, Juana de Vega e Praza de Pontevedra) onde, a través do carril máis próximo á praia, chegarán até a Torre de Hércules. Alí continuarán pola Glorieta de Gerión, Paseo dos Menhires, Adormideras, avenida Regata Cutty Sark e glorieta da residencia de maiores Torrente Ballester, para despois incorporarse, novamente, ao Paseo Marítimo e subir cara á Hípica e Maestranza polo lado do cemiterio. Neste último tramo da San Silvestre, as e os atletas populares percorrerán a Cidade Vella a través de Herrerías, Puerta de Aires, Damas, Praza de Azcárraga e Plazuela de los Ángeles até chegar á meta, ubicada na Praza de María Pita.

A proba liberará o tráfico unha vez pase a cola da carreira, que ten prevista a súa finalización ás 19.00 horas. Os cortes comezarán ás 15.30 horas co tráfico de saída polos Cantóns, e desviarase por Ambrosio Feijoo cara Alférez Provisional, e volverá á normalidade ás 17.30 horas. Ás 16.55 horas cortarase o tráfico na entrada da cidade cara os Cantóns na praza de Ourense, e na baixada polo Paseo Marítimo, desde a Torre de Hércules até a fonte das Catalinas. Tamén, á mesma hora, cortarase o tráfico na praza de Pontevedra e desviarase cara a Juan Flórez. Os vehículos circularán de novo con normalidade á medida que avancen as e os últimos corredores.

Desde as 17.15 horas os cortes afectarán aos últimos tramos da San Silvestre (Adormideras, Maestranza e Cidade Vella). A organización sinalará con valos e balizas as zonas destinadas para os aparcadoiros no Paseo Marítimo até a súa confluencia coa rúa Veramar para evitar o movemento de vehículos estacionados, e colocará conos nas distintas rúas e avenidas para canalizar e facilitar a circulación de vehículos así como o acceso da veciñanza.

Autobuses

O servizo de de autobús urbano experimentará modificacións nas liñas que percorren o centro da cidade con motivo da celebración da VI San Silvestre Coruña. A principal afección do transporte público será o corte nos Cantóns. As liñas 1, 1A, 2, 2A, 17, 23 e 23A cambiarán o itinerario de saída da cidade e circularán por Ambrosio Feijoo e Alférez Provisional.

Durante a concentración no Obelisco, as liñas 3 e 7 continuarán por San Andrés, Rúa Alta, Paseo Marítimo, Hospital, Praza de España e Orillamar. A marcha das e dos deportistas pola Praza de Pontevedra provocará que as liñas 3, 3A, 4, 6, 6A, 7 e 11 agarden até o paso da cola da carreira pola mesma para continuar co seu percorrido habitual: 3 e 7 por Santa Catalina e 3A, 4, 6, 6A, e 11 polo Paseo Marítimo, xa que a carreira só ocupará os carrís máis próximos o mar.

Finalmente, a liña 3, en sentido Adormideras - Praza de Pontevedra, circulará pola avenida de Navarra, rúa da Torre, Praza de España, Panadeiras, Orzán e San Andrés, incorporándose na Praza de Pontevedra ao seu itinerario habitual.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión