10 de outubro de 2014
A iniciativa, que inclúe 6 probas nas zonas dos Rosales, Novo Mesoiro, Torre de Hércules, San Pedro de Visma, Ventorrillo e Oza, inclúe nesta ocasión un servizo de ludoteca para os máis pequenos.
O Concello, a través da Área de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa de que comeza unha nova temporada do Circuíto de Carreiras Populares CoruñaCorre que arrinca o próximo 19 de outubro coa Popular dos Rosales.
Na súa terceira edición, segue apostando polo fomento do deporte e dos hábitos saudables entre os coruñeses de todas as idades. Nesta ocasión, e tras o éxito da pasada edición na que o circuíto se consolidou con 1.756 participantes, inclúense novidades en referencia aos equipos mixtos e familiares.
Mantéñense as categorías júnior, promesa, sénior e veteranos, ademais das carreiras de promoción para menores en categorías xuvenil, cadete, infantil, alevín, benxamín e pitufos. Os corredores poderán competir en modalidade individual, familiar, para discapacitados e mixta que terán un mínimo de 3 e un máximo de 4 membros e premiará, nesta edición, os equipos que presenten a novos corredores, obtendo un punto máis na clasificación de cada carreira por cada novo integrante que finalice a proba. Ademais, a familia volverá ser unha das protagonistas do Coruña Corre coa habilitación dun servizo de ludoteca, iniciativa que se puxo en marcha en Coruña10. O servizo será un espazo acoutado, con inchables e outras atraccións e dirixido por monitores de tempo libre onde os menores a cargo dos corredores das carreiras, vaian ou non a competir posteriormente, poden estar atendidos e gozar con xogos, contacontos e outras actividades lúdicas.
O circuíto inclúe a realización de seis probas en seis barrios da cidade que se realizarán entre o 19 de outubro e o 9 de agosto do 2015, co obxectivo de potenciar a actividade deportiva, social e económica en distintas zonas da cidade, á vez que se dá a coñecer á cidadanía contornos para a práctica do running. Así, tras a II Carreira Popular Os Rosales, o próximo 19 de outubro; chegará a IV Carreira Popular Novo Mesoiro, o 2 de novembro: a I Carreira Popular Torre de Hércules -que mantén a súa proposta nocturna-, o 28 de marzo; a VIII Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma o 28 de xuño; o 12 de xullo a III Carreira Popular Ventorrillo e a IV Carreira Popular Volta a Oza, o 9 de agosto.
Como noutras ocasións, colaboran coa iniciativa distintos clubs de atletismo, ademais de asociacións de veciños, comerciantes e empresarios, que acompañaron o concelleiro no acto de presentación.
Nº | DATA | PROBA | DISTANCIA | ORGANIZA |
1 | 19/10/2014 | II Carreira Popular Os Rosales | 6.465 m. | As. Empresarios dos Rosales e Club Atletismo Coruña Comarca |
2 | 02/11/2014 | IV Carreira Popular Novo Mesoiro | 7.000 m. | AA.VV. Novo Mesoiro e Club Marineda Atlético |
3 | 28/03/2015 | V Carreira Popular Torre de Hércules | 6.515 m. | AA.VV. e Comerciantes de Monte Alto e Club Atletismo Coruña Comarca |
4 | 28/06/2015 | VIII Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma | 6.490 m. | AA.VV. Loureiro de Visma e Club Riazor Coruña |
5 | 12/07/2015 | III Carreira Popular Ventorrillo | 5.065 m. | AA.VV. do Ventorrillo e Club Riazor Coruña |
6 | 09/08/2015 | IV Carreira Popular Volta a Oza | 7.552 m. | AA.VV. Gaiteira-Fátima e Club Marineda Atlético |
A inscrición efectuarase a través da web www.coruna.es/carreraspopulares ou de www.championchipnorte.com e será gratuíta para as categorías xuvenil, cadete, infantil, benxamín e pitufos. A cota de inscrición para o resto de participantes será de 10 euros para propietarios de chip amarelo e 22 euros para os non propietarios (debido ao alugueiro ou compra do dito chip). O prazo de inscrición para anotarse na terceira edición do Circuíto finalizará no momento do peche de anotación da segunda carreira, a Popular Novo Mesoiro, que se disputará o 2 de novembro. Tamén será posible inscribirse de forma individual en cada unha das probas do circuíto con cota de 3 euros para propietarios de chip amarelo e 5 para o resto.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible