Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de decembro de 2023

Máis de 5.000 persoas participaron na décimo cuarta edición da carreira da San Silvestre, cun percorrido entre a explanada de Riazor e a Torre de Hércules

Este ano, a principal novidade foi a inclusión da modalidade da Cansilvestre, que lles permitiu ás e aos corredores participar cos seus cans por primeira vez na historia da proba

Este domingo tivo lugar na Coruña a décimo cuarta edición da carreira da San Silvestre, unha cita xa clásica destas datas festivas, e que pechou o calendario deportivo deste ano coa participación de máis de 5.000 persoas que percorreron un trazado de 7,25 quilómetros, en formato de ida e volta, entre a explanada do Palacio dos Deportes de Riazor e a rampla de acceso á Torre de Hércules.

A xornada comezou ás 10.30 horas, en Riazor, coa saída das carreiras infantís, ideadas para nenas e nenos en idade de 5 a 10 anos. Xa posteriormente, ás 11.15 horas, e como previa ao inicio da carreira na categoría absoluta, tivo lugar unha homenaxe ao Hockey Clube Coruña Feminino, coa entrega dunha placa conmemorativa e a posterior fotografía oficial do equipo, xunto á alcaldesa, Inés Rey, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e máis autoridades alí presentes.

Foi precisamente a rexedora a encargada de dar a saída ás e aos participantes na categoría absoluta da San Silvestre, ás 11.30 horas. Nesta quenda, ademais das e dos corredores, así como os inscritos na andaina e marcha nórdica, incluíse como novidade a Cansilvestre, unha modalidade que lles permitiu ás e aos corredores participar cos seus cans por primeira vez na historia da proba. A Cansilvestre veu a sumarse ás demais modalidades da San Silvestre Coruña, que xa conta cun amplo abano de categorías, incluíndo infantís, absolutas, diversidade funcional, disfraces, empresas e marcha nórdica.

Anxo Castro (21:00) e Marta Cabello (25:19) foron os dous gañadores desta XIV San Silvestre, en categoría absoluta.

Inés Rey puxo en valor "o traballo e esforzo amosado polas persoas organizadoras dunha proba que xa forma parte da programación deportiva do Nadal da cidade", e resaltou "o compromiso e apoio das e dos profesionais do Concello, Policía Local e Protección Civil, persoas fundamentais á hora de colaborar en materia de loxística, mobilidade e seguridade da cidadanía para o desenvolvemento da San Silvestre".

A San Silvestre Coruña, que contou co apoio do Concello da Coruña, reafirmou este ano o seu compromiso solidario. Neste sentido, cómpre lembrar que a carreira, ademais da experiencia deportiva en si mesma, promoveu a recollida de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión