Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de abril de 2015

Palabra de profesional: as conferencias de Exporunning

A Exporunnig de Palexco contará o sábado día 18 cun programa de charlas interdisciplinares levadas a cabo tanto por profesionais vinculados á Facultade de Ciencias do Deporte da Universidade da Coruña, como por atletas profesionais como o vixente campión de España de Maratón Pedro Nimo ou a campioa de España dos #21k no 2011 e de Maratón no 2012, Vanessa Veiga.

A #Exporunning de #Coruña42 chega esta fin de semana como aperitivo ao que será o Maratón Atlántica e os seus #10k, que realizará a súa cuarta edición este domingo. A feira do corredor, que repetirá en Palexco como sede, ofreceralles ás máis de 3000 persoas corredoras inscritas un interesante ciclo de conferencias que contará tanto con persoal médico especialista en deporte, como con atletas de contrastado prestixio, nun programa avalado pola propia Facultade de Ciencias do Deporte da Universidade da Coruña.

O sábado 18. ás 11.00 horas e tras a realización do #BreakfastRun Solidario no Parrote, comezará o programa de conferencias. Abriraas o especialista en Medicina do Deporte e profesor da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física Manuel Giráldez, da Clínica Quirón e Clínica S&c. O seu relatorio versará sobre a importancia do recoñecemento médico e a valoración funcional no corredor de fondo.

Ás 12.00 horas será a quenda da segunda charla da mañá, que realizará o atleta Julio Rey, en posesión do récord de España de maratón, e adestrador e esposo de Vanessa Veiga. Este ofrecerá o seu punto de vista sobre como adestrar ben e conciliar mellor a vida familiar, e onde poderá achegar vivencias persoais, xa que é pai de tres fillos.

Na xornada vespertina ás 17.00 horas, tras a realización da #PastaParty, o experto en traumatoloxía, cirurxía ortopédica e profesor da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, Rafael Arriaza, falará sobre a prevención e recuperación de lesións no corredor de fondo. Continuarán os relatorios da tarde ás 18.00 horas coa do coach deportivo e lebre por segundo ano consecutivo de #Coruña42, Francisco Ruiz, que explicará que facer e non facer as horas previas ao maratón e durante a carreira. Unha batería de consellos para afrontar con garantías a cita dos 42.195 metros.

Como colofón, ás 19.00 horas, darase paso á mesa redonda na que participarán os seguintes corredores: Pedro Nimo, actual Campión de España de Maratón; Vanessa Veiga, campioa de España de Medio Maratón; José Requejo, medalla de bronce no Mundial de 100 km en ruta e Cristina Santiago, catro veces campioa de España de 100 km. Repetirase así a experiencia do ano pasado, e máis recentemente en #Coruña21, na que os corredores poderán interactuar con atletas profesionais sobre as súas dúbidas para a carreira, a forma de afrontala, a súa propia experiencia persoal e outros temas que poidan ir xurdindo do feedback cos corredores, cuxa resposta neste tipo de accións sempre é moi positiva, xa que agradecen poñer coñecer de primeira man os consellos de atletas profesionais e próximos.

Os máis de 3000 corredores que participarán en #Coruña42 poderán abrir boca para a carreira da man dos consellos e recomendacións dos mellores profesionais e atletas. A #Exporunning espera os valentes co seu ciclo de conferencias. Vés?

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión