23 de setembro de 2015
Os obradoiros, enmarcados no Festival Mar de Mares, inclúen un taller de fotografía submarina impartido por David Doubilet
Desde mañá e até o 29 de novembro terán lugar na Coruña as actividades de mobilización cidadá do proxecto europeo ‘Sea for Society’, liderado no Estado polo Aquarium Finisterrae. ‘Sea for Society’ é un programa da Comisión Europa que reúne a un consorcio 11 países, formado por institutos de investigación, axencias, museos de ciencia e acuarios ou organizacións da sociedade civil que ten como obxectivo compartir coñecemento, forxar alianzas e habilitar actores sociais en asuntos relacionados co Océano. As actividades, enmarcadas na celebración do Festival Mar de Mares, serán as seguintes:
- Desde o 24 de setembro. Cidade azul. Arte na rúa cos colectivos Basurama e Hábitat Social. Dúas instalacións artísticas en dúas localizacións -explanada do Parrote e diversos puntos do perímetro da cidade- explorarán a relación da Coruña co mar.
- 24 ao 29 setembro. Un día coas xentes do mar. Encontros con profesionais do mar, oceanógrafos, percebeiro, mergulladora e peixeira, en dous centros escolares de Primaria e dous centros de Secundaria da Coruña.
- 26 de setembro. Safari fotográfico: A Coruña e o Mar. O fotógrafo coruñés Amador Lorenzo acompaña a 15 participantes nun percorrido no que se visualice o vínculo entre a cidade e o mar, lonxa, mercados, barrios de pescadores, comercios…
- 26 de setembro. Revelacións mareantes á mesa dun bar. Un encontro distendido con formato café-teatro no que as biólogas do IEO Dolores Garabana e Paz Sampedro, e o actor Vicente Mohedano mostrarán como o océano inflúe nas nosas vidas nun diálogo concorrido e pouco ortodoxo. No Aquarium Finisterrae ás 19.30 horas.
- Do 24 de setembro ao 29 de novembro. Arte azul. Encontros artísticos en establecementos do barrio da Peixaría que promoven a reflexión sobre o mar e a súa importancia nas nosas vidas.
- 13 de novembro. Storytelling: reinos de coral e imperios de xeo. O fotógrafo de National Geographic David Doubilet fará un percorrido visual polas historias publicadas nas revistas. 19.30 horas, na Domus.
- 14 de novembro. Obradoiro de fotografía submarina: execución, produción e edición dunha reportaxe baixo o mar. Impartido por David Doubilet e Jennifer Hayes.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible