Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de xullo de 2017

O Goberno local e AGADIC acordan a cesión da sede do CGAI a través dun convenio que incorpora novas prestacións para o Concello "e que reverterán no beneficio da veciñanza"

O responsable municipal de Culturas, José Manuel Sande, valora positivamente “a regularización da situación” do Centro Galego das Artes da Imaxe, que manterá a súa sede ata 2037

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a cesión do local municipal de Durán Loriga no que o Centro Galego das Artes da Imaxe, CGAI, ten actualmente a súa sede. A sinatura supón a concesión demanial do espazo, ante a necesidade dunha "sede estable" para a filmoteca galega. Deste xeito, o local, situado nun edificio de propiedade municipal, cederase por un prazo de 20 anos, prorrogable por períodos de 5 anos ata o tope máximo esixido na lexislación vixente, que non poderá superar os 75 anos. Tal e como destacou o responsable municipal, este convenio, que "formaliza e regulariza a situación tanto do CGAI como da colaboración entre as dúas institucións", supón novas prestacións para o Concello, "que reverterán directamente na cidadanía". "Ata o momento, establecéronse distintas relacións entre ambas institucións, pero dun xeito informal. Agora temos a oportunidade de abrir, e oficializar, un camiño de proveitosa colaboración", aseverou Sande.

O titular de Culturas insistiu na necesaria formalización do vínculo entre as dúas administracións, "de xeito que se regularice a situación das instalacións nas que se atopa o arquivo audiovisual máis relevante de Galicia", sinalou Sande, quen engadiu que o convenio ratificado esta mañá permitirá que a Concellería de Culturas, que onte presentou o Plan de Apoio a Festivais Audiovisuais, "dea continuidade á liña de apoio e promoción do sector, e poida afondar na difusión do traballo das creadoras e creadores locais".

Así, segundo indica o convenio, o Concello poderá dispoñer da sala de proxeccións para realizar distintas exhibicións sempre que non supoña interferencia na programación propia do CGAI. "Estes novos usos poderán ser desde ciclos temáticos até proxeccións con coloquios", avanzou o edil. Outro dos beneficios deste convenio para a cidadanía, segundo indicou Sande, é o compromiso que o Goberno local obtén de AGADIC en relación á custodia do material cinematográfico do Concello, así como do asesoramento "necesario", especificou o titular da área de Culturas, de cara a dixitalización do material audiovisual do arquivo histórico municipal e o seu almacenamento. "Consideramos fundamental a preservación do patrimonio fílmico municipal, polo que valoramos, positivamente, facelo da man dunha institución como o CGAI, que conta con profesionais desde carácter técnico e especializado", sentenciou o edil.

Alén destas novas medidas, ambas institucións poderán organizar actividades conxuntamente, como ciclos, xornadas ou exposicións, "dando continuidade e sentido, precisamente, a esa proveitosa colaboración que ten e debe ter lugar nun espazo emblemático como é a Casa da Cultura Salvador de Madariaga, e que acolle a outros espazos de excelencia da cidade, como é a súa sala de exposicións ou as Bibliotecas Municipais", sinalou Sande.

O acto, celebrado na sede da filmoteca e no que tamén estivo presente o director do mesmo, Guillermo Escrigas, contou coa proxección de extractos das películas Botadura do acoirazado Alfonso XIII (1913), Miss Ledyia (José Gil, 1916) --a primeira película de ficción rodada no sur de Galicia e que conta coa participación de Castelao--, Galicia. La Coruña (1926) e do fondo de Foto Blanco e Alberto Martí (1930), restaurado recentemente polo CGAI.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión