Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de setembro de 2017

A veciñanza poderá achegar ao festival fotos históricas do barrio, que formarán parte do xornal que se editará ao finalizar o evento

A Cidade Vella acollerá na última fin de semana de setembro o festival de fotografía 'FFoco', "unha proposta que porá en relación a imaxe coa cidadanía e dará visibilidade ás autoras e autores galegos"

O edil de Culturas, José Manuel Sande, presentou a proposta, que forma parte da convocatoria ‘Cultura de Barrio’, e na que participarán unha vintena de autoras e autores de Galicia

O edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá o Festival de Fotografía da Coruña FFoco, unha iniciativa promovida pola asociación Acolá e que se enmarca na convocatoria pública Cultura de barrio. O proxecto, no que participarán unha vintena de autoras e autores de toda Galicia, celebrarase durante a fin de semana do 29 e 30 de setembro, e ofrecerá unha panorámica da creación fotográfica contemporánea a través de media ducia de actividades abertas a todos os públicos, "ademais de establecer un diálogo entre o pasado, presente e futuro das artes visuais", especificou o edil. Tal e como destacou Sande, a iniciativa "encadra perfectamente na liña de proxectos culturais de implantación sociocomunitaria que apoia este Concello e que acadan gran implicación nos lugares que acontecen, coma neste caso, no que a veciñanza poderá ter unha participación activa e directa sobre tanto nas actividades como na base das propostas que xurdirán a raíz do evento, á vez que se dá a coñecer o traballo de artistas locais e de Galicia", expuxo o titular de Culturas, quen estivo acompañado polos fotógrafos Amador Lorenzo e Tono Mejuto, e o artista visual Enrique Lista na presentación.

Na súa primeira edición, FFoco converterá á Cidade Vella nun punto de encontro profesional e amador no que se abordará o estado actual da fotografía documental en Galicia, así como nunha plataforma de visibilidade para novos creadores e os seus proxectos. Charlas, obradoiros abertos para públicos de todas as idades, unha feira editorial e a edición de dous xornais nos que diversos autores darán conta da súa particular visión do barrio centrarán o programa de actividades do festival, que culminará cunha noite de proxeccións fotográficas na Praza da Fariña. Co obxectivo de fomentar a participación cidadá e a implicación da veciñanza do barrio de cara ao festival, a asociación Acolá promoverá, en concreto, o taller Memoria Analóxica, no que convida ás veciñas e veciños da Cidade Vella a compartir as súas fotografías históricas nun punto de recollida que se instalará no centro cívico municipal -- na rúa Veeduría, 2-- os días luns 11, mércores 15 e venres 17, de 17 a 20:30 horas.  

FFoco tamén quere establecer un diálogo entre pasado, presente e futuro da fotografía, e por iso arrincará o venres 29 --ás 19:30 horas na sala Nautilus-- cunha charla en torno á conservación e recuperación da fotografía histórica, protagonizada por Mariola Suárez, arquiveira municipal do Concello da Coruña; Eva García, restauradora do arquivo da Real Academia Galega; e Jacobo Caridad, conservador do Arquivo do Reino de Galicia. A conversa rematará cunha proxección en 3D dunha escolma de antigas fotografías estereoscópicas dalgúns espazos da Cidade Vella. Despois do acto de inauguración, ás 20:30 horas, presentarase o primeiro dos dous xornais que se editarán co gallo do FFestival, e que recolle o traballo de Tamara de La Fuente, Enrique Lista, Amador Lorenzo, Tono Mejuto e Bernardo Villanueva.

O sábado 30, dende as 12:00 horas e ata media noite, a Praza de Azcárraga volverá a ser o epicentro de FFoco, que acollerá unha feira que achegará á veciñanza e visitantes os fotolibros publicados polas editoriais galegas Fabulatorio, Dispara e Copias de Autor. Ademais, neste mesmo punto desenvolveranse dous obradoiros abertos á participación de todos os públicos. O primeiro deles, Proxecto DNI, capturará en forma de retrato a identidade dos veciños e veciñas da cidade. Por outra banda, o taller de Cinotipia empregará este proceso antigo para realizar un herbario das especies vexetais que se atopan na praza. O resultado destas actividades conformará o segundo xornal conmemorativo do festival, xunto coas imaxes obtidas nos obradoiros Memoria Analóxica e Miré Usted, unha proposta xa en marcha na que Acolá repartiu cámaras analóxicas entre veciñanza e comerciantes para que rexistren, cadaquen dende o seu punto de vista, a vida no barrio.

Pola noite, a actividade central do festival consistirá nunha xornada de proxeccións fotográficas a partir das 22:00 horas en torno á Fonte do Desexo, que rodeada por tres pantallas, converterase nun foco de visibilidade para profesionais da fotografía de Galicia e doutras procedencias. As proxeccións, abertas ao público e de carácter gratuíto, permitirán a máis de dez autoras e autores seleccionados amosar os seus traballos relacionados co país. Entre as e os artistas convidados atópanse Laia Abril, Judith Adataberna, Carla Andrade, Emilio Araúxo, Tono Arias, Nicolás Combarro, Luis Díaz Díaz, Eva Díez, Melania Freire, Jesús Madriñán, Joan Morera, Iván Nespereira, Javier Pérez de Lis e Bandia Ribeira.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión