Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de xuño de 2017

A Xunta de Goberno local dará luz verde a unha modificación do anexo de investimentos para adecuar as anualidades previstas para a rehabilitación das cubertas de Riazor ao anteproxecto final

O concelleiro de Culturas e Deporte indica que o cambio orzamentario deberá ser aprobado posteriormente en Pleno. “Esperamos contar co apoio necesario dos grupos municipais, tendo en conta que esta obra garante a seguridade estrutural do estadio”, dixo

A Xunta de Goberno local dará luz verde este venres, en sesión extraordinaria, a unha modificación no anexo de investimentos dos orzamentos municipais de 2017, de cara a adecuar a previsión de gasto e as anualidades contempladas para levar a cabo o anteproxecto de rehabilitación das cubertas de Riazor, que foi elaborado polo Executivo municipal. Desta forma daríase luz verde a unha previsión de gasto contemplada no anexo de investimentos de 8,23 millóns de euros, que se distribúe en distintas anualidades de aquí a 2019, data na que está prevista o remate total das obras. O concelleiro de Deporte, José Manuel Sande, explicou que o escenario proposto no anteproxecto para a contratación conxunta da redacción do proxecto e a execución da obra prevé un investimento este ano de 5.000 euros para a redacción final do anteproxecto, de 5,16 millóns en 2018 e de algo máis de 3 millóns en 2019. "A anualidade de 2018 contempla o pago da entrega do proxecto básico e de execución onde se desenvolve o anteproxecto, así como comezarase a executar o pago da obra segundo vaia sendo realizada e certificada mensualmente, igual que no exercicio seguinte", explicou o concelleiro, que recordou que o montante total da execución da obra "medrou considerablemente dende os 2,5 millóns do proxecto do anterior Goberno, sendo a nosa única motivación garantir a seguridade estrutural".

A modificación aprobada pola Xunta de Goberno local terá que ser posteriormente apoiada polo Pleno municipal, sendo necesaria a maioría simple e o ditame previo da Comisión Informativa de Facenda. Sande expresou a súa vontade de que "non existan problemas para que a Cámara municipal poida dar luz verde á redistribución de anualidades dun proxecto tan fundamental e demandando pola cidadanía". "Temos xa iniciadas as conversas cos grupos da oposición e xa solicitamos o apoio das formacións 'de progreso', que de xeito natural deberían apoiar este anteproxecto, que foi falado co club dende o principio, garante a seguridade e introduce importantes melloras no estadio", comentou. "A nosa motivación única e principal en todo este proceso e garantir a seguridade do deportivismo, das máis de 20.000 persoas que cada dúas semanas asisten a este emblemático recinto", comentou.

O Goberno local contempla no seu anteproxecto unha serie de actuacións no estadio municipal de Riazor como son a substitución da cubrición completa de todas os graderías por outra alternativa que permita unhas mellores condicións de inspección e mantemento; a substitución das estruturas das gradas de Tribuna e Preferencia por unhas que, igualmente, faciliten o seu mantemento e harmonicen coas estruturas de Pavillón e Maratón; a cubrición de parte da grada de Preferencia inferior, actualmente a única no estadio que non está cuberta; reforzo e reparación do conxunto das estruturas das gradas de Pavillón e Maratón e a unificación formal de todas as cubertas do estadio, de cara a obter unha imaxe integrada de todo o conxunto.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión