Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xaneiro de 2018

O ciclo Poetas Di(n)versos retoma o vindeiro luns a súa actividade "cargada de conciencia de xénero", coa participación de María Xosé Queizán e Fatena Al Ghorra

O edil de Culturas, José Manuel Sande, e a directora do ciclo, Yolanda Castaño, presentaron a programación do novo trimestre, que inclúe un recital de Antonio Gamoneda, “historia viva da poesía hispánica”

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento presentou esta mañá a programación do ciclo Poetas Di(n)versos para o primeiro trimestre deste ano, que arrincará o vindeiro luns 22. A cita estable coa poesía ofrecerá de novo tres recitais, de periodicidade mensual, no centro Ágora. A primeira delas, segundo defendeu o edil José Manuel Sande, "estará ateigada de conciencia de xénero", ao contar coa participación da poeta palestina Fatena Al Ghorra e da galega María Xosé Queizán, "dúas escritoras cheas de forza e resolución, de talento e conciencia". Tal e como descatou a poeta e directora do ciclo, Yolanda Castaño, que acompañou ao concelleiro na presentación, Al Ghorra é unha xornalista freelance de Al Jazeera "que supón o máximo expoñente da lírica palestina contemporánea" e que reside exiliada en Bélxica "pola súa fonda defensa dos dereitos da muller", mentres que Queizán constitúe unha das voces "máis consagradas" da literatura galega actual, "sendo o principal referente do feminismo en Galicia". Como tamén lembrou a responsable do ciclo, as dúas mulleres teñen publicado, até o momento, cinto títulos de poesía. Durante un recital "marcadamente feminista", que comezará ás 20.30 horas, tanto Al Ghorra como Queizán lerán a súa obra en lingua orixinal e os poemas da palestina, ademais, contarán coa tradución ao galego por Castaño. Xa no mes de febreiro, o luns 19 citaranse dúas das voces máis recoñecidas "e cheas de depuración no seu estilo literario" da poesía galega e estatal. Será, pois, a quenda, segundo avanzou a directora do ciclo, "dunha das revelacións poéticas galegas da última década e gran pedagoga da poesía", Dores Tembrás, así como do Premio Cervantes 2006 e Premio Nacional de Poesía Reina Sofía, Antonio Gamoneda. "Será unha oportunidade única para gozar das letras do mellor poeta español vivo. Gamoneda é historia viva da poesía hispánica", sinalou a responsable dunha programación que esta tempada cumpre o seu noveno ano consecutivo de actividade.

Finalmente, o último recital do trimestre invernal de Poetas Di(n)versos chegará o luns 19 de marzo "con dúas poéticas cargadas de paixón, rabia e sentido do humor", segundo apuntou Castaño, "e que farán un dúo vibrante".  Serán o lugués Lois Pérez, que vén de publicar o seu segndo poemario, Long Play, e o dominicano Frank Báez, "unha das voces máis estimultantes e persoais da literatura centroamericana", apuntou a directora do ciclo. "Ambos demostrarán á veciñanza que a poesía non ten que estar cargada de solemnidade, nostalxia ou seriedade, senón que pode estar máis perto de nós do que pensamos", aseverou.

Como é habitual, a cita coa poesía terá lugar, nas datas sinaladas, ás 20.30 horas, e a sesión, aberta a todos os públicos, será dunha hora de duración. Ao finalizar, as librarías da cidade ofrecerán a oportunidade de adquirir exemplares das autoras e dos autores participantes no recital.

Documentos:

Poetas Di(n)versos - 22 de xaneiro (1 MB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión