Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de novembro de 2017

A Domus, A Casa das Ciencias e o Aquarium Finisterrae terán entrada gratuíta entre os días 13 e 19 pola Semana da Ciencia, que inclúe outras actividades divulgativas e un concurso en redes sociais

O pazo de María Pita acollerá o vindeiro sábado a entrega dos XXX Premios Prismas Casa das Ciencias

O concelleiro José Manuel Sande salienta a repercusión destes galardóns a nivel internacional, "que supón un recoñecemento ao traballo dos Museos Científicos durante todos estes anos”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este venres, xunto ao director dos Museos Científicos coruñeses, Marcos Pérez Maldonado, a trixésima edición dos Prismas Casa das Ciencias, uns premios, que como salientou o responsable municipal, "non só seguen vivos despois de trinta anos senón que aportan un notable prestixio á nosa cidade e ás institucións que os presiden, os Museos Científicos, cunha repercusión que chega alén das nosas fronteiras e que supón tamén un recoñecemento ao traballo destes centros durante todo este tempo". A gala de entrega, que terá lugar o sábado 18 de novembro no pazo municipal de María Pita será, como apuntou o concelleiro, "o colofón ás actividades programadas pola Semana da Ciencia", que se celebra desde este luns, con entrada gratuíta á Casa das Ciencias, Domus e a Casa dos Peixes entre o día 13 e o 19 (ambos incluídos) e con distintas actividades asociadas.

"Este é un dos momentos estelares dos Museos Científicos, xa que facemos xornadas de portas abertas durante unha semana completa, que permite á veciñanza da Coruña e de fóra achegarse aos museos. Pero ademais, moita xente de fóra, persoas ás que admiramos e coas que compartimos o interese pola promoción da cultura científica, están presentes na entrega dos Prismas, un momento que demostra ademais a aposta do Concello polos museos e pola cultura científica; son días días abertos á cidadanía e abertos ao mundo da comunicación científica, e polo tanto, moi interesantes", valorou Pérez Maldonado.

Tal e como avanzou, ademais das actividades dos museos, o día previo á gala dos Prismas terá lugar unha conferencia na que intervirán dous dos gañadores dos Prismas deste ano, como son a divulgadora coruñesa Deborah García Bello -autora do libro Todo es cuestión de química- e Jordi Pereyra Marí, "unha charla singular a dúas voces" que leva por título 'O extraordinario do ordinario'. Será o venres, ás 19.30 horas, na Domus e a entrada será gratuíta ata completar o aforo.

O propio sábado, ás 11.00 horas, terá lugar na Domus a presentación do libro Fractales y caos. La aventura de la complejidad de Vicent J. Martínez, Fernando J. Ballesteros e Silvestre Paredes, editado por Guadalmazán, que recibiu o Prisma 2016 ao mellor texto inédito. A partir das 13.00 horas, o pazo de María Pita será a sede do acto onde se darán a coñecer os traballos gañadores deste ano, que contará coa presenza do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e do concelleiro de Culturas, José Manuel Sande. Xa pola tarde, a Domus organiza a actividade 'Ciencia e/ou maxia', un espectáculo de ciencia con demostracións sorprendentes, que inclúe a conversión de auga en viño, a exploración das propiedades máxicas dos globos e máis dun momento "electrizante". Haberá tres sesións, ás 16.00, 17.00 e 18.00 horas, para as que será preciso retirar unha invitación na recepción da propia Domus, media hora antes do comezo.

Paralelamente a estas actividades, os Museos Científicos impulsarán, en colaboración coa  Asociación de Amigos da Casa das Ciencias (AACC), un concurso nas redes sociais durante toda a Semana da Ciencia, no que se sortearán sete 'Tarxetas 20', unha por día, coas que sete persoas poderán entrar gratis durante un ano na Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae. Cada xornada, desde as contas de Twitter dos museos (@mc2coruna, @mc2coruna_gl) e da asociación (@amigoscc), proporase unha pregunta. Para participar, unicamente será necesario responder ao exposto, mencionar a un deses tres usuarios e incluír a etiqueta #sorteoprismas30. Só os tweets que cumpran estas condicións entrarán no sorteo. As persoas gañadoras, que se irán coñecendo ao longo da semana, poderán recoller as súas 'Tarxetas 20' na recepción da Casa das Ciencias a partir do luns 20 de novembro.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión