13 de abril de 2024
O concelleiro visitou hoxe algúns dos 35 espazos que participaron nesta nova edición dun evento ideado para apoiar o traballo das e dos profesionais das artes plásticas residentes na Coruña
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, asistiu hoxe á xornada de portas abertas Estudios Abertos, unha iniciativa cultural ideada co obxectivo de visibilizar o traballo das e dos artistas coruñeses, contribuíndo a divulgar a súa obra nos seus propios centros de traballo.
Máis de 35 espazos e talleres localizados entre os diversos barrios da Coruña participan nesta edición de Estudios Abertos, abríndolle as súas portas á cidadanía ao proceso creativo de profesionais nas artes da pintura, acuarela, ilustración, debuxo, gravado, escultura, cerámica, fotografía e serigrafía, entre outras.
O concelleiro, que se achegou a varios estudios durante o inicio da xornada, puxo en valor o traballo do tecido artístico local, apuntando que o evento dos Estudios Abertos -organizado polo Concello en colaboración coas e cos profesionais do sector coruñés- "xa é unha data consolidada no calendario de actividades orientadas ao apoio e á dinamización das artes plásticas na cidade".
Como xa é habitual, esta xornada de portas abertas é de acceso libre para a cidadanía. A programación prevista este sábado, que se prolongará ata as 21.00 horas, inclúe a participación de artistas convidados, así como múltiples actividades culturais que complementaron as visitas aos talleres. Ademais de concertos e obradoiros de iniciación nas artes tamén hai propostas para as crianzas, con percorridos guiados orientados a achegar as pequenas e pequenos ao mundo artístico.
Castro fixo fincapé precisamente neste traballo divulgativo impulsado a escala interxeracional, apuntando a importancia de dar continuidade no tempo á xornada dos Estudios Abertos "porque, ademais de lle amosar á cidadanía a actividade e o talento dos nosos e as nosas artistas, tamén pode servir de revulsivo para espertar o interese e talento creativo de moitas persoas sensibilizadas coas artes, unha liña de acción que conta co firme compromiso do Goberno de Inés Rey".
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible