Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de xuño de 2019

Inés Rey busca unha solución para os campamentos de Cultura que están en proceso de contratación

Hoxe saudou a todo o persoal funcionario do Pazo de María Pita e reuniuse con varias técnicas e técnicos para abordar os temas máis urxentes: o dispositivo de seguridade do San Xoán e os campamentos de Cultura que aínda non están contratados.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mantivo a súa primeira reunión de traballo con varias persoas funcionarias no Pazo de María Pita, co fin de abordar a problemática da contratación dos campamentos de verán do departamento de Cultura. Rey sinala que, segundo o persoal técnico, o problema radica en que o proceso está aberto, e obviamente non é posible que se asinen a tempo a adxudicación nin o contrato.

Ante esta situación, estanse explorando varias vías de urxencia co fin de que máis dun milleiro de nenas e nenos que solicitaran estes campamentos poidan acceder a eles. Mañá, Rey vai manter outra serie de reunións coas e cos responsables municipais para estudar unha posible solución a este conflito.

Ademais, Rey reuniuse co responsable de Seguridade Cidadá para se informar sobre o dispositivo de seguridade do San Xoán. O mércores haberá unha reunión en María Pita para pechar o número de efectivos da Policía Local, Protección Civil, Bombeiros, ambulancias e forzas e corpos do Estado para garantir a seguridade os días 23 e 24 de xuño.

Por outra banda, a alcaldesa mantivo a súa primeira reunión coas e cos concelleiros do seu partido para informalas e informalos dos avances nas negociacións co resto dos grupos da Corporación e sobre a convocatoria dunha Xunta de Goberno Local, necesaria para tramitar varios expedientes e resolucións mentres non se conforma o Goberno.

Ademais, desde primeira hora, a alcaldesa visitou todo o persoal funcionario do Pazo de María Pita, a quen lle agradeceu a súa cálida benvida. "Quero agradecerlle a todo o persoal funcionario desta casa, que é a de todas e todos, a cálida recepción que tiven. Trasladáronme a súa plena disposición a colaborar en todo o que lles pida, polo que só teño palabras de agradecemento para elas e eles".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión