Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de xaneiro de 2020

A primeira Semana do Cinema Galego proxectará de balde cinco filmes que teñen recoñecemento internacional

O ciclo realizarase do 6 ao 9 de febreiro no Teatro Colón e comezará coa presentación de “O que arde”, de Óliver Laxe Cada longametraxe irá precedida dunha curta do autor e a cita incluirá un debate posterior coas persoas protagonistas

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou esta mañá a primeira Semana do Cinema Galego, que terá lugar no Teatro Colón do 6 ao 9 de febreiro, coordinada por Javier Trigales. O edil sinalou que a pequena mostra confirma a aposta de Cultura polo cine feito en Galicia e explicou que nestes días se poderán ver ata cinco filmes todos candidatos aos premio Mestre Mateo 2020. Cada proxección irá precedida dunha curtametraxe do propio autor, co fin de vermos a súa evolución e "a cita rematará cun coloquio sobre a cinta". "Con entrada gratuíta, o público poderá corroborar desde a butaca a calidade do que se realiza no país e que está recibindo recoñecementos a nivel internacional", explicou Míguez, quen engadiu que xa empezou a conta atrás para a festa do audiovisual galego, que será o 7 de marzo no Pazo da Ópera.

O proceso de selección das candidatas a galardón comezou onte coa publicación da listaxe de todas as propostas, que terá que votar a Academia ata o 4 de febreiro, cando se pechará o prazo e que coincidirá no tempo coa Semana do Cinema: "Estamos traspasando fronteiras e é bo que teñamos acceso ás pelis e aos equipos produtores, que virán a compartir con nós os seus traballos". O 10 de febreiro saberanse as e os nomeados aos Mestre Mateo e o 21 de febreiro haberá unha celebración coas e cos profesionais finalistas, para a que contarán co apoio do concello.

Pola súa parte, Trigales comentou o contido da programación, que comezará o xoves 6 de febreiro coa proxección ás 20.00 horas da longametraxe "O que arde", de Óliver Laxe, do que tamén se poderá ver a curta "París". A película, que vén de recibir o premio Gaudí como mellor filme europeo e está nomeada aos premios Goya, será comentada polo actor protagonista, Amador Arias; as persoas encargadas da súa produción, Andrea Vázquez e Xavi Font, así como polo crítico Martin Pawley. O venres tocaralle o turno a "Longa noite", de Eloy Enciso, do que se presentará tamén o traballo "Out of memory". O director asistirá á tertulia posterior xunto coa produtora Beli Martínez e o guionista da película anterior de Enciso, José Manuel Sande. Trátase doutra película que está acadando importantes recoñecementos internacionais como o premio obtido no festival de Locarno, que confirma que "o cinema galego xa rompeu unhas cantas barreiras e está levando a nosa cultura polo mundo adiante".

Para o sábado, haberá unha sesión dobre cun primeiro pase ás 19.00 horas, onde se poderá desfrutar de "Eroski paraíso", codirixida por Xesús Ron e Jorge Coira. Deste último, verase antes "O matachín" e no coloquio estarán presentes o propio Xesús Ron, as actrices Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias, o actor Miguel de Lira e o produtor Gaspar Broullón.

Xa pola noite, pasarase ás 22.00 horas "Quien a hierro mata", de Paco Plaza, que vén de trunfar nos premios Feroz. Ao inicio, proxectarase a peza "Abuelitos" e para o debate estará a intérprete María Vázquez. Por último, a semana pecharase o domingo ás 20.00 horas con "Feedback", de Pedro C. Alonso, e coa curtametraxe inicial "Ver con los propios ojos". O director intervirá posteriormente co xornalista Fernando Molezún nun coloquio que porá o punto final a unha iniciativa que pretende pór en valor o cinema do país.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión