Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de abril de 2017

José Manuel Sande presenta a gala inaugural da 8ª Mostra de Cinema Periférico (S8), "que afondará na idea dunha cidade de vangarda coa fusión de cultura e creatividade"

A Sinfónica de Galicia será a responsable de sonorizar a proxección da cerimonia, que terá lugar o 26 de maio no Pazo da Ópera e na que se poderá ver unha versión restaurada de Fausto, de Murnau

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá na presentación da gala de inauguración da oitava edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar entre os días 31 de maio e 4 de xuño na Coruña. O festival arrincará o luns 26 de maio no Pazo da Ópera cunha cerimonia en forma de cinema-concerto, na que se proxectará unha versión restaurada da clásica Fausto, de F. W. Murnau (1926), baseada na novela de Goethe e última película do director da súa etapa alemana. A exhibición contará coa sonorización en directo da orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de José Ramón Encinar e as interpretacións da soprano Iduara Perianes e a mezzosoprano María Rivera. O concelleiro de Culturas sinalou como "feliz e especial" unha ocasión na que coinciden "dúas institucións culturais emblemáticas da Coruña", e que "simbolizan perfectamente" a idea de creatividade, cultura "e proxección da cidade", nun municipio "no que o cine e a música son dous dos seus elementos artísticos diferenciais". "Hoxe presentamos un evento que afonda, a través das entidades que nel participan, na idea dunha cidade de vangarda", afirmou o edil, quen engadiu: "a gala inaugural do día 26 será unha fusión de creatividade e de cultura, que porá en evidencia, de novo, que a cultura é un dos motores principais da nosa cidade".

O responsable municipal salientou a traxectoria da Sinfónica de Galicia e o seu papel como activo cultural ao longo destes anos na cidade, nunha tempada na a orquestra que está a celebrar o seu 25 aniversario. "Durante a súa historia, a Sinfónica foi a responsable de iniciativas, educativas e formativas que incidiron no desenvolvemento da cidade, así como na constante progresión de novas músicas e músicos a través das súas orquestras e coros, pero tamén foi, e segue a ser, un axente clave na difusión da Coruña cara o exterior", explicou o concelleiro. Neste sentido, Sande tamén salientou o papel educativo da Mostra de Cinema Periférico, "que nace coa vocación de descubrir linguaxes que non son convencionais e que permiten o avance da linguaxe fílmica e outras disciplinas artísticas". "O (S8) é unha aposta pola creatividade e a vangarda, elementos que constitúen, a súa vez, o avance da linguaxe artística, en concreto, a cinematográfica", sentenciou.

"Ao longo desde anos, o festival ofreceu unha extensa programación de actividades formativas, e de experiencias con outras disciplinas, pero sen dúbida un dos seus elementos principais sempre foi a gala inaugural, nas que potencian o redescubrimento do cine non tan coñecido por moitas xeracións", explicou o titular da área de Culturas, "e que este ano tamén se debe poñer en valor pola restauración que ofrecerá de Fausto, realizada por unha das figuras máis destacadas do cine español, Luciano Berriatúa".

O concelleiro estivo acompañado na presentación polo xerente da Sinfónica de Galicia, Andrés Lacasa, quen salientou "a aposta pola recuperación e modernidade dos clásicos" tanto da orquestra como do festival " e os numerosos puntos de encontro" entre ambas entidades. "Esta participación no (S8) permitiranos dar un paso máis nesta longa tempada, ao interpretar a obra dun dos autores máis recoñecidos, como é Jesús Torres", explicou Lacasa. Na rolda tamén estivo presente Ángel Rueda, o codirector da Mostra de Cinema Periférico xunto a Ana Domínguez. Rueda cualificou a película da cerimonia inaugural como "unha das grandes xoias do cine". "Desde o (S8) apostamos pola vangarda pero temos a mirada sempre posta nos inicios do cine. Fausto é unha obra mestra, que sorprende pola súa linguaxe e capacidade de expresión, e mostrarase tal e como foi pensada polo seu director. Ademais, contará cunha sonorización magnífica como a que ofrecerá a Sinfónica de Galicia", destacou. O codirector tamén avanzou que nesta oitava edición, que se desenvolverá na primeira semana do mes de xuño, o festival "afondará na vertente formativa" a través de proxeccións que se realizarán na Domus "e que estarán dirixidas ao público escolar".

As entradas para asistir á cerimonia inaugural do S8, que terá lugar o próximo 26 de maio ás 20.30 horas, estarán á venda esta semana no despacho de billetes da Praza de Ourense no seu horario habitual --de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.00 horas-- e no propio Pazo da Ópera o mesmo día da representación, de 11 a 14.00 horas e de 17.00 até o comezo do espectáculo. Tamén poderán adquirirse a través da web http://entradas.abanca.com e o servizo de atención telefónica 902.434.443. Para máis información sobre esta sesión e as novidades da súa programación, pode visitarse a páxina web www.s8cinema.com

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión