Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Cultura Coruña

Cando:

5 de maio de 2017

José Manuel Sande presenta a programación municipal das Letras Galegas 2017, “que pon en valor as librerías da cidade, axentes culturais e comunitarios de proximidade”

As actividades inclúen concertos, recitais, parladoiros ou lecturas dramatizadas, que se desenvolverán desde o luns 15 de maio. O 17 de maio o Goberno local organizará, por segundo ano, unha lectura pública desde o balcón do Pazo de María Pita

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita as actividades que terán nas vindeiras datas lugar co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2017, unha proposta que afonda no compromiso do Goberno local coa promoción e visibilidade do galego a través da efeméride. "Se no 2016 propiciamos a lectura desde balcón municipal, o que supuxo unha apertura do Concello á veciñanza para render homenaxe a Manuel María e ás autoras e autores galegos, este ano damos un paso máis, e, ademais de realizar de novo esta actividade, celebraremos esta efeméride coa colaboración das librerías, bibliotecas e outros axentes culturais vencellados ao libro na cidade", explicou Sande. Deste xeito, o Goberno local contará coa colaboración do sector libreiro coruñés na programación vinculada ás Letras Galegas. "A proposta nace dun proceso participado con este sector, tan estratéxico como castigado, no que se fixo un chamado ás librerías da cidade para poñer en marcha de liñas de traballo que xa se están a realizar noutros ámbitos, como é a co-programación da actividade municipal cultural ou a súa descentralización", sinalou o edil, quen puxo como exemplo iniciativas como Ardelloeixo e as actividades que forman parte da convocatoria de Cultura de Barrio. "Para nós é fundamental manter e estender este compromiso con axentes culturais locais, para recuperar e favorecer a cultura de proximidade", aseverou Sande.

Así, desde o día 15 de maio, 12 librerías da cidade -Suévia, Azeta, Cascanueces, Formatos, Couceiro, Berbiriana, Xiana, Sisargas, Moito Conto, Alita Cómic, Lume e Fiandón-- colaborarán co Goberno municipal coa programación de 42 actividades, que inclúen obradoiros, concertos, palestras, presentacións de libros, concertos, recitais poéticos contacontos, monólogos ou lecturas dramatizadas, que contarán coa participación de numerosas figuras relacionadas co sector cultural, e do alumnado de CEIPS da cidade. "As librerías son activos culturais fundamentais para dinamizar a vida dos barrios. Son axentes creadores de comunidade, e cómpre poñer en valor a súa función sociocultural", salientou o responsable de Culturas, cuxa área vén de editar un vídeo "de promoción da figura do libreiro ou libreira, así como dos seus espazos de traballo", co fin de dotar de maior visibilidade ao sector "alén do Día das Letras Galegas".

Dentro desta programación, que Sande cualificou como "transversal" e que integra "numerosas sensibilidades e disciplinas", a Casa Museo Casares Quiroga acollerá a exposición Andar cos tempos. Sobre estereotipos sexistas no baile e músicas tradicionais, entre os días 16 de maio e 11 de xuño. A proposta estará acompañada dun obradoiro que terá lugar o día 20 de maio na librería Fiandón, Bailar canda os tempos, e no que participarán Carmen Campo e Chus Caramés. A edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, valorou positivamente a inclusión desta mostra na programación, "que incorpora a perspectiva de xénero dentro da cultura popular", e, ao fío da presentación, salientou "o elevado número de mulleres libreiras que temos na Coruña, verdadeiras emprendedoras e xeradoras de emprego".

Ademais destas actividades, a proposta inclúe a celebración de tres concertos gratuítos. O primeiro deles será da Banda Municipal de Música, e terá lugar o próximo xoves, 11 de maio, no marco do ciclo de concertos Seráns no Rosalía da BMMC -ás 20.00 horas--. A continuación, o mesmo Día das Letras Galegas, Xabier Díaz e Adufeiras actuarán no Campo da Leña, nunha cita que comezará ás 21.00 horas. Por último, o sábado 20, a Sala O Túnel -situada no Coliseum-- acollerá un pequeno festival que contará coa participación de Nao, Zenzar e Os tres trebóns.

Como vén sendo habitual, os equipamentos municipais tamén teñen presente a celebración da efeméride na súa programación. Así, o conxunto de actividades promovidas pola Concellería de Culturas tamén inclúe as ofertadas polas Bibliotecas Municipais da Coruña, que propoñen, ademais dun roteiro literario e a xornada Ramalletes Editoriais, celebrada hoxe no Centro Ágora, dous concertos-homenaxe a Carlos Casares, dirixidos a público novo e adulto, e que se celebrarán o día 8 na biblioteca do Fórum Metropolitano - ás 19.30 horas-- e o día 10 na de Estudos Locais -- ás 20.00 horas--. A biblioteca do Ágora acollerá, tamén, o próximo martes 23, de 10.30 a 14.30 horas, a entrega de premios do Concurso de microrelatos do Grupo DADO, que contará coa participación da xestora cultural e cantante Iria Mejuto a través da súa proposta Un paseo pola música negra. Soul e literatura.

Finalmente, o Teatro Rosalía de Castro trasladará o seu Ciclo Principal -que ten lugar os venres e sábados-- os días 16 e 17 de maio, cunha dobre función de O tolleito de Inishmaan, dirixida por Cándido Pazó e que nos últimos premios María Casares do Teatro Galego -cerimonia que tivo o pasado mes de marzo no TRC-- recibiu 5 premios. As entradas están á venda nas canles habituais --praza de Ourense, e www.ticketea.com--.

Documentos:

Folleto de actividades con motivo das Letras 2017

Calendario

Busca de eventos

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 | 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?