Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de abril de 2018

O Centro Ágora acolle desde o luns 23 de abril o ciclo de primavera de 'Poetas Di(n)versos', que terá como fío condutor o Mediterráneo e a defensa das linguas minorizadas

O edil de Culturas, José Manuel Sande, e a coordinadora da iniciativa, Yolanda Castaño, presentaron os tres últimos recitais da novena tempada. A primeira sesión contará coa presenza de Darío Xohán Cabana e Aurélia Lassaque

O ciclo Poetas Di(n)versos regresa o vindeiro luns, día 23, ao centro Ágora. A cita estable coa poesía dentro da programación municipal afronta os últimos tres recitais da súa novena tempada, que supón, tal e como apuntou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, na presentación, "un referente pola súa continuidade así como polo libre accceso á cultura, ademais de conter compoñentes culturais de absoluta calidade". Ao fío, o edil salientou a coincidencia do inicio do ciclo coa celebración da efeméride do Día do Libro, "un elemento cultural indispensable para este goberno", e que estará acompañada por actividades específicas das bibliotecas municipais coruñesas.

A coordinadora do ciclo, a poeta Yolanda Castaño, apuntou na presentación do mesmo á contorna mediterránea como fío condutor destes recitais, que acollerá propostas en idiomas de gran difusión e de linguas en risco de desaparición. "A arte non atende nin á lei do máis forte nin ao número de falantes, e por iso ábrese ás linguas masivas, como o castelán ou o árabe, ou as que se atopan en perigo de extinción, como é o caso do occitano, falado ao sur de Francia, no val de Arán. A creatividade ábrese a calquera lingua vivificándoa e dignificándoa a través da palabra poética", explicou a directora de Poetas Di(n)versos. Así, a programación, que se desenvolverá entre os meses de abril e xuño, contará coas voces de Darío Xohán Cabana, Aurélia Lassaque, Najwan Darwish, Antón Blanco Casás, Míriam Pérez e Celia Parra.

Na primeira sesión, que terá lugar este luns 23, desde as 20.00 horas, participará, segundo explicou Castaño, "a meirande exponente da lingua occitana, falada no sur de Francia, e defensora da diversidade lingüística", a francesa Aurélia Lassaque, que compartirá recital con Darío Xohán Cabana. "Será unha parella con moito sentido, xa que Darío é un nos nomes máis consagrados das letras galegas actuais e que foi o responsable de traducir os cancioneiros medievais occitanos ao galego", afirmou. A cita do centro Ágora contará tamén con cancións tradicionais occitanas, "como é costume nos recitais de Lassaque", afirmou a coordinadora do ciclo.  

O segundo recital será o 28 de maio, no que os protagonistas serán o palestino Najwan Darwin, "unha das voces máis importantes das últimas xeracións en lingua árabe, que está a concitar todo o interese internacional, e que nos seus versos non é alleo a causa do seu pobo", aseverou Castaño. As súa parella será o vilagarcián Antón Blanco Casás que, tal e como avanzou a responsable de Poetas Di(n)versos, "tamén visita a conciencia cívica e política desde os seus versos". Por último, a sesión do 4 de xuño centrarase nas tecnoloxías e na videopoesía, "un subxénero que cada vez ten máis adeptos na nosa cidade", a través do traballo de Míriam Pérez, "unha das voces máis importantes da súa xeración", e de Celia Parra, a creadora, xunto a Esferobite, de Versogramas, o primeiro documental sobre videopoesía en Europa.

Todos os recitais, que comezan as 20.00 horas, son de acceso libre para a cidadanía. Ao rematar, a través da colaboración coas librarías da cidade, as e os asistentes poden adquirir exemplares da obra das creadoras e creadores da sesión no caso que se lles queira solicitar unha sinatura. A programación de Poetas Di(n)versos, que este ano afrontou a súa novena tempada consecutiva, regresará tras o parón estival habitual, que se produce entre os meses de xullo e setembro.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión