Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de xaneiro de 2018

O Consello da Memoria Democrática recibirá como primeira encomenda do goberno local estudar a situación da Casa Cornide “de cara a unha eventual reclamación para que forme parte do patrimonio público”

O Pleno outorga os títulos de Fillo Predilecto e Fillo Adoptivo da cidade a Ángel Gómez Hervada e Alberto Martí “polo seu traballo a prol do progreso da Coruña”

O Pleno municipal aprobou por unanimidade este luns a concesións dos títulos de Fillo Predilecto da Coruña a Ángel Gómez Hervada, director de Radio Coruña durante case 30 anos, e de Fillo Adoptivo da cidade ao fotógrafo e presidente da Cociña Económica Alberto Martí, ambos os dous persoeiros destacados na historia recente da cidade e finados o pasado ano. Ademais, a memoria dos dous veciños quedará plasmada no rueiro municipal. Por outro lado, a respecto dunha moción do BNG sobre a Casa Cornide, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, avanzou que o Consello da Memoria Democrática -ente impulsado polo actual goberno para garantir o cumplimento estricto da Lei de Memoria Histórica, así como os valores de xustiza e reparación- terá como primeira encomenda analizar a situación deste histórico inmoble situado na rúa Damas e en mans da familia do dictador Franco, así como a pertinencia da súa devolución a mans públicas.

Honras e Distincións

Con respecto aos titulos honoríficos recibidos tanto por Gómez Hervada como por Martí, a Cámara municipal ratificou este tarde a decisión da comisión municipal de honras e distincións, que xa deu luz verde a estes dous nomeamentos, a proposta de Alcaldía. O rexedor, Xulio Ferreiro, quen agradeceu a presenza de familiares dos homenaxeados entre o público, salientou a traxectoria de ambas figuras na conformación da Coruña moderna. De Gómez Hervada salientou que foi "defensor da pluralidade e da libre opinión dos medios de comunicación, como forma para avanzar no progreso social". "Era capaz de traballar cos grandes círculos de empresa ou da comunicación e de conectar coa xente da rúa, mesmo con aquelas persoas que máis necesitaban facerse visibles na súa contorna e que máis dificultades atopaban niso", indicou.

De Martí, o responsable municipal distinguiu o seu labor como "fotógrafo, periodista gráfico e empresario", e salientou especialmente a súa condición "de cronista da cidade a través dun valiosísimo arquivo fotográfico, e o seu traballo a prol dunha cidade mais xusta e igualitaria, por medio dunha entidade social tan destacada como é a Cociña Económica". "Cronista desta cidade, o seu retiro estivo ligado sempre ao traballo social, dende a Cociña Económica, que se renovou baixo a súa presidencia; o seu empeño estivo sempre en traballar ao servizo da xente", dixo. "As diferenzas entre ambos títulos radican unicamente no feito de que un dos homenaxeados naceu na Coruña e outro non", aclarou.

Mocións

Por outro lado, a Cámara municipal deu luz verde a unha moción conxunta do grupo de goberno, BNG e PSOE que insta á Consellería de Sanidade e á propia Xunta de Galicia a dotar dos recursos materiais e humanos necesarios a toda a área sanitaria da Coruña, dando resposta "ao colapso no servizo de urxencias vividos tanto en decembro como este xaneiro". A iniciativa conxunta -que só contou co voto en contra do PP- amosa, ademais, o apoio do Pleno municipal á denuncia presentada nos primeiros días do ano pola Comisión de Centro Hospitalaria das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) no xulgado de garda da cidade á raíz da situación vivida. "A propia comisión cualifica de inaceptable a situación nas Urxencias do CHUAC", salientou a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán. Do mesmo xeito, a moción aprobada tamén insta á corporación a "apoiar as mobilizacións en defensa da sanidade pública convocada por distintas entidades e colectivos da comarca para o próximo mercores, 24 de xaneiro, diante do Obelisco, así como en Compostela o 4 de febreiro".

Centros escolares

No que atinxe as mocións que foron debatidas no Pleno salienta a aprobación da iniciativa proposta polo grupo de goberno "para instar á Xunta de Galicia a cumprir co acordo de colaboración asinado co Concello en 2006 que tiña como obxectivo realizar obras de construcción de patios cubertos nos centros de Educación Infantil e Primaria da cidade". A iniciativa contou co apoio do grupo de goberno e o BNG, a abstención do PSOE e a negativa do PP. Tal e como subliñou a concelleira de Xustiza Social e Coidados, con competencias en materia de Educación, Silvia Cameán, a medida, que establecía unha colaboración económica entre ambas as dúas institucións, estaba dirixida a acometer, entre os anos 2007 e 2009, unha serie de intervencións "necesarias, conducentes a mellorar a calidade dos equipamentos educativos e a facilitar un espazo axeitado para o lecer das nenas e dos nenos nos días de choiva". A moción aprobada pon de manifesto que, "oito anos despois do prazo establecido", a administración autonómica, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, "soamente acometeu dúas das nove obras comprometidas", polo que chama a cumprir, de forma uxente, "para restablecer o compromiso adquirido coa veciñanza da cidade".

Tal e como recolle o texto da iniciativa, o protocolo asinado en novembro de 2006 sinalaba unha serie de centros que presentaban a necesidade de levar a cabo obras de patio cuberto, así como o reparto das intervencións entre ambas as dúas institucións, e unha calendarización para a súa posta en marcha. Así, acordouse que o Concello da Coruña realizaría as obras no 2007 no CEIP Wenceslao Fernández Florez, no 2008 nos CEIP de Prácticas, Montel Touzet, Víctor López Seoane, María Barbeito, Rosalía de Castro, Sanjurjo de Carricarte, Concepción Arenal, Sagrada Familia, e, durante o ano 2009, no San Francisco Xabier. No caso da administración autonómica, esta asumiu a responsabilidade de acometer as actuacións nos CEIP Alborada e Salgado Torres no 2007; Emilia Pardo Bazán e José Cornide no 2008; e, finalmente, en Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta no 2009. A día de hoxe, segundo salientou Cameán, o Concello da Coruña "cumpriu con todas as actuacións nos centros aos que se comprometera", agás no caso da obra no CEIP San Francisco Xabier, "que está pendente de informar, por parte da Xunta, para poder acometer a obra". Mentres tanto, desde a sinatura do acordo do protocolo de colaboración a Consellería só realizou as obras nos CEIP Salgado Torres e Alborada, a pesares dos reiterados requirimentos por parte do Consistorio coruñés para que a administración autonómica dese cumpimento ao acordo, "peticións das que sempre obtivo unha resposta negativa por parte dos cargos responsables da Xunta".

O Pleno municipal tamén deu visto e prace a outra moción presentada polo grupo municipal socialista para a "mellora dos usos e recursos tecnolóxicos nas aulas dos colexios coruñeses".  A iniciativa, que contou co apoio do PSOE, o BNG e o PP, solicita a apertura dun programa de formación para o profesorado coruñés, "para que poida formarse en habilidades tecnolóxicas aplicadas á educación". O grupo de goberno optou pola abstención ao entender que estas actuacións, segundo a legalidade vixente, non son competencia municipal, senón autonómica. Con todo, a concelleira Cameán, recordou iniciativas postas en marcha polo goberno local, dentro das súas competencias, como o programa Ao Meu Xeito, que permite as comunidades e centros escolares desenvolver as súas propias propostas no ámbito educativo con apoio do Concello, así como o programa de reforzo educativo Poténciate.

Pola súa banda, e como xa se indicou, o grupo municipal do BNG presentou unha moción para que o Concello "inste aos gobernos da Xunta e do Estado a que adopten decisións efectivas tendentes á incorporación da chamada Casa Cornide (rúa Damas) ao patrimonio público", e que foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos municipais a excepción do PP, que se abstivo. O concelleiro Sande deu a coñecer a encomenda de estudo que se realizará o novo ente do Consello da Memoria Democrática, conformado por profesionais do ámbito memorístico, e insistiu na necesidade de que "o goberno local siga adiante co seu traballo a prol da xustiza e a reparación". "Para nós, este estudo non é máis que outra forma de evidenciar o noso compromiso decidido pola historia", comentou o edil, que manifestou que "non se pode ser alleo ao veredicto da historia ao expolio que se levou a cabo durante a represión".

Ofimático

Por outro lado, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, a respecto dunha moción do PP que instaba "a que se cumpla o protocolo firmado en agosto de 2016 sobre o Parque Ofimático entre Concello, Xunta e grandes propietarios", salientou que "en seis meses, o goberno local foi capaz de ter case a punto as obras necesarias para outorgar as licenzas de primeira ocupación". "Ao chegar a María Pita este goberno local atopouse cun proceso en vía morta, se ben, en seis meses fomos capaces de ter case a punto as obras necesarias para outorgar as licenzas de primeira ocupación", dixo. "Conseguimos crear o clima adecuado para desbloquear esta situación, o que derivou na sinatura dun protocolo de colaboración que desbloqueou as obras esenciais", fixo notar durante o debate dunha moción que saíu aprobada cos votos a favor de PP e PSOE e o voto en contra do grupo de goberno e o BNG.

Varela manifestou que, a día de hoxe, o estado das obras imprescindibles para outorgar as licenzas de primeira ocupación está xa "moi avanzando". "As demolicións e movementos de terras están totalmente finalizadas, excepto as torres de media tensión que ten que retirar por Gas Natural Fenosa", indicou, á vez que recordou que a pavimentación do ámbito tamén está practicamente rematada. "As infraestruturas de abastecemento de auga e de telecomunicacións están tamén finalizadas, igual que a rede de saneamento ou a rede eléctrica, que está xa moi avanzada, a falta tamén neste apartado de traballos que teñen que ser levados a cabo por Gas Natural Fenosa. O responsable municipal recordou que a rede de alumeado público tamén está xa a piques de finalizarse, así como a rede de gas. O edil aludiu ademais a vontade do goberno local de "redactar un novo proxecto de urbanización que remate a zona residencia na marxe esquerda da avenida de Lavedra, así como modificaremos o planeamento urbanístico, como xa se anunciou, co fin de protexer o núcleo de Elviña". "O Ofimático, despois de 27 anos, será un barrio máis da cidade, sen danos colaterais e sen excluír a ninguén", dixo.

Fondos DUSI

Tamén saíu rexeitada outra moción presentada polo grupo popular na que indicaba que o Concello debe abandonar unha suposta "actitude de enfrentamento e bloqueo permanente respecto ás inversións doutras administracións na cidade". A iniciativa foi rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno e o BNG, a abstención do PSOE e o único apoio do PP. A este respecto, o concelleiro Varela recordou a disposición do executivo municipal "para chegar a acordos con quen quere chegar a acordos". Así, destacou os acordos con ADIF por causa da Intermodal, co Ministerio de Fomento para a remodelación da avenida de Lavedra, logrando un aumento significativo do investimento previsto para o proxecto, ou coa propia Deputación da Coruña, que participa no financiamento da obra de reforma do estadio de Riazor. "E traballamos, tamén, para lograr novos investimentos que permitan avanzar cara a un modelo de cidade sólido, como fixemos coa convocatoria europea DUSI, cun proxecto consensuado cos distintos grupos municipais e que foi quen de acadar o importe máximo de axuda, 15 millóns de euros, dos que 5,4 veñen de incorporarse ao orzamento para este ano", explicou, para avanzar que "hai apenas tres días, vimos de recibir a comunicación do Ministerio de Facenda na que se confirma a aprobación do noso manual de procedemento DUSI, unha boa noticia, xa que significa que temos luz verde para iniciar a licitación dos primeiros proxectos, un paso máis para que empecen a facerse realidade, xa que a comisión valora favorablemente os procedementos propostos para o Concello para o desenvolvenento da Estratexia Integral de Desenvolvemento Urbano Sostible".

Finalmente, tamén foi aprobada cos votos a favor de PP, PSOE e BNG e a abstención do grupo de goberno a terceira moción da bancada popular que insta á convocatoria dunha sesión extraordinaria da comisión informativa especial de remunicipalización da rede de bibliotecas.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión