Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de maio de 2017

O Goberno local presenta 'Pantasmas de Oza', unha iniciativa "que promove a recuperación da identidade e a construción da memoria colectiva" en Oza, A Gaiteira e Os Castros

O edil José Manuel Sande lembra que o proxecto, enmarcado na convocatoria ‘Cultura de Barrio’, inclúe actividades abertas á participación da veciñanza que se celebrarán os días 3, 10 e 18 de xuño baixo o nome ‘Festas da Memoria’

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento , José Manuel Sande, participou esta mañá na presentación do proxecto Pantasmas de Oza, unha iniciativa promovida pola Asociación veciñal de Oza-Gaiteira-Os Castros, dentro da convocatoria Cultura de Barrio, que ten como finalidade recuperar a memoria deste territorio e construír un relato colectivo sobre o seu pasado a través de edificios, lugares, e personaxes que se poderá plasmar nun Arquivo da Memoria de Oza. Tal e como salientou o edil, a proposta "encaixa perfectamente" dentro do programa de apoio municipal de dinamización sociocultural e decentralización da actividade polos distintos barrios da Coruña, "ao promover a recuperación da identidade e da memoria colectiva nesta zona da cidade con actividades abertas á veciñanza". O proxecto, que naceu o ano pasado a través dun mapa interactivo creado polo alumnado do IES Monte das Moas, desenvolveuse a partir do programa municipal Coruña Dixital, --durante o Popathon do 11 e 12 de novembro--, e dun obradoiro de memoria promovido pola Concellería de Participación e Innovación Democrática sobre os lugares esquecidos no barrio.  

O concelleiro estivo acompañado por Paulo Sexto e Emilio Veiga, membros da asociación veciñal, que destacaron que a idea do proxecto "é dar pulo ao barrio, recuperando a identidade e a convivencia veciñal" a través deste "proceso aberto á participación". Así, e co obxectivo de implicar a veciñanza na creación deste Arquivo da Memoria de Oza, para o que se recompilará información tanto publicada como inédita --fotografías, documentos sonoros ou testemuñas--, a entidade promoverá unha serie de actividades, como roteiros, encontros especialistas na memoria da cidade, proxeccións audiovisuais e concertos de diversos estilos musicais, ademais da creación dunha páxina web na que se poderá consultar toda a documentación sobre o proceso " e a historia do antigo Concello de Oza", afirmou Veiga.

Deste modo, os días 3, 10 e 18 de xuño terán lugar as Festas da Memoria, tres eventos que se celebrarán, "en lugares fundamentais do pasado do barrio", segundo Emilio Veiga, como son a rúa Gaiteira, o Mirador dos Castros e o Faro de Oza, en referencia o río Monelos o crecemento industrial e as confluencias dos concellos da Coruña e Oza, o castelo de San Diego ou a praia do Lazareto ou o antigo Sanatorio", co obxectivo de "xerar diálogo entre a veciñanza e figuras que darán conta de experiencias do barrio", sinalou Veiga. Así, a través dunha carpa que estará dispoñible durante as tres xornadas de celebración, de 11.00 a 20.00 horas, a cidadanía poderá compartir tanto as súas imaxes ou lembranzas para que estas, posteriormente, formen parte do relato colectivo do barrio.

A primeira Festa da Memoria será o 3 de xuño e afondará nos Pantasmas da Gaiteira, o límite da cidade. A xornada comezará ás 11.00 horas na rúa Gaiteira, 37, e, ás 12.00 horas, haberá unha conversa entre Ángeles Huerta, directora da longametraxe Esquece Monelos, e o xornalista Rubén Ventureira. Xa na tarde, ás 19.00 horas, proxectarase o documental Memoria de Oza --que tamén se poderá ver os días 10 e 18-- que, ás 20.00 horas, dará paso ao concerto do grupo de música tradicional Xebre.

O sábado 10 de xuño o proxecto achegarase aos Pantasmas dos Castros, o novo barrio. A xornada, que tamén comezará ás 11.00 horas no Mirador dos Castros, contará cun coloquio --ás 12.00 horas--no que participarán o fotoxornalista Xosé Castro, o urbanista Xosé Luis Martínez e o xornalista José Manuel Gutiérrez; e tamén cunha actuación en acústico da cantante Silvia Penide, que terá lugar entre as 20.00 e as 21.00 horas, despois da proxección do documental.

O último evento desta tríade, Pantasmas de Oza, nostalxia da area terá lugar o domingo 18, xunto ao Faro de Oza, no que se homenaxeará as merendiñas que tiñan lugar fronte ao antigo sanatorio de Oza e na praia de Lazareto a través dun xantar popular. Ademais desta cita, que terá lugar ás 14.00 horas, producirase unha conversa aberta ás 12.00 horas entre os escritores José María Monterroso e Xurxo Souto, que dará paso a unha sesión de vinilos con música dos anos 50, 60 e 70 con Jass Processor ás 13.00 horas --e que continuará de 18.00 a 20.00 horas--. A veciñanza tamén poderá participar nesta actividade levando os seus propios discos para compartir a súas cancións pola tarde.

Ademais das Festas da Memoria, o día 27 de maio terá lugar, ás 12.30 horas, a presentación na Biblioteca Municipal do Fórum Metropolitano a presentación da web do proxecto, www.pantasmasdeoza.com. Na seguinte semana, o mércores 31, realizarase un roteiro con escolares no barrio, que terá a súa saída no Parque de Oza ás 10.00 horas,e que servirá como experiencia piloto de cara a futura programación de visitas guiadas pola veciñanza. Finalmente, o día 5 de xuño, o Fórum Metropolitano acollerá, entre as 19.30 e as 20.30 horas dese luns, a proxección das películas de Foto Blanco de 1930 restauradas polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e propiedade de Alberto Martí Chegada do hidroavión Dornier, Praia de Riazor e Sanatorio de Oza.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión