Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de maio de 2018

O programa 'Cultura Accesible e Inclusiva' promove obradoiros de musicoterapia que culminarán con dous concertos da Banda Municipal acompañada por persoas con diversidade

O alcalde, Xulio Ferreiro, salienta “a sensibilidade e a colaboración” da agrupación musical coruñesa, dirixida por Juan José Ocón, á hora de participar no proxecto Músicas Participativas e Inclusivas, impulsado pola Asociación cultural Tres por Catro

O alcalde, Xulio Ferreiro, participou esta mañá na presentación de Músicas Participativas e Inclusivas, un dos trece proxectos que se enmarcan na nova edición do programa municipal Cultura Accesible e Inclusiva, posto en marcha no ano 2016 polo Concello da Coruña a través da Fundación Emalcsa co obxectivo de promover e facilitar a participación e o acceso das persoas con diversidades na vida cultural. Tal e como salientou o rexedor, o programa procura "derrubar barreiras", e que as participantes "non sexan só espectadoras, senón que teñan un papel activo no desenvolvemento da experiencia artística, en igualdade de oportunidades". A este respecto, Ferreiro agradeceu o papel das entidades culturais e sociais implicadas nesta nova edición, que dará lugar, até o mes de agosto, a proxectos que inclúen actividades nos campos artísticos e culturais da música, teatro, cinema, danza, artes plásticas, poesía, fotografía ou visitas a museos e monumentos.

O proxecto Músicas participativas e inclusivas "dá continuidade e un importante salto cuantitativo", destacou o alcalde, á iniciativa posta en marcha o ano pasado pola entidade, tamén no marco do programa municipal, e no que, coa colaboración de ONCE, AIND e ADCOR, se desenvolveron un total de 75 obradoiros con 750 persoas con diversidades participantes. Nesta edición, consiste nunha serie de obradoiros de psicomotricidade e de musicoterapia que se realizan con usuarias con diversidades das entidades Fundación Adultos Discapacitados de A Coruña (Fundación ADCOR), Organización Nacional de Ciegos (ONCE), Asociación para la integración del niño disminuido (AIND), Asociación de Daño Cerebral Adquirido (ADACECO), Coruña Centro de Atención a Persoas con Discapacidade da Coruña (CAPD), Grupo de Persoas con Dispacidade da Coruña (GRUMICO) e Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).

A iniciativa, que conta neste exercicio cunha subvención de 6.895 euros, integrará a actividade social e artística a través da colaboración da Banda Municipal de Música, que se materializará en dúas actuacións que terán lugar este mes de maio no Teatro Rosalía de Castro e no Colón. Xulio Ferreiro salientou "a sensibilidade da agrupación coruñesa á hora de participar activamente na iniciativa", nunha tempada na que celebra o seu 70 aniversario "e na que está a ampliar as súas actividades vinculadas ao tecido cultural local".

O primeiro dos concertos, que o director titular da agrupación coruñesa, Juan José Ocón, definiu como "únicos", celebrarase o vindeiro xoves 10 no Teatro Rosalía de Castro, e contará coa participación da Banda Municipal e de Robert Pier --autor das composicións que se interpretarán-- así como de persoas vinculadas ás entidades AIND, COGAMI e GRUMICO. A segunda cita será o martes 15 de maio no Teatro Colón, na que intervirán membros de CAPD, ONCE e ADACECO. Nos dous casos, os concertos contarán cun repertorio que consistirá en 2 suites de catro pezas así como a canción Diversos funcionais, creada por Pier e Simón García.

A entrada para ambas citas, que comezarán nos dous casos ás 20.00 horas,  é libre e gratuíta até completar a capacidade dos recintos. No caso da actuación para o Teatro Colón, a butaca pódese reservar, con antelación, a través da súa páxina web.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión