CMC
Órgano consultivo e asesor do Concello da Coruña en materia de cultura. É un órgano de participación do tecido cultural coruñés que pretende servir de espazo de encontro, relación e consenso sectorial.
O Consello Municipal da Cultura (CMC) crease como un órgano colexiado de participación cidadá sectorial no ámbito cultural e con carácter consultivo. Está concibido como un espazo para asesorar, informar, debater, estudar, propoñer e traballar en rede, e ten como obxectivo achegarlles as políticas culturais municipais ás entidades culturais da cidade, colectivos, veciñanza, institucións e demais persoas ou organismos que se vexan afectadas dalgunha forma polas políticas públicas culturais
Canaliza a implicación de todos os seus membros e coñece as súas demandas e intereses, co fin de lograr a universalización do dereito da cidadanía ao acceso á Cultura e as instalacións culturais xestionadas polo Concello da Coruña.
QUEN PODE PARTICIPAR?
Colectivos, empresas, organizacións, entidades culturais, artistas e protagonistas do ámbito da cultura da cidade.
QUE SE PRETENDE?
Coa creación deste Consello preténdese poñer en valor a cultura como eixo transversal e vertebrador da sociedade e conformar un espazo de encontro.
É preciso que as Administracións Públicas centren os seus esforzos no apoio á creación e á produción propias, na formación e participación de todos os axentes produtores e receptores e no intercambio con outras realidades culturais.
Co Consello Municipal da Cultura preténdese afondar na xestión democrática, participativa, activa e creativa dos programas culturais desenvolvidos polo Concello da Coruña.
Trátase de impulsar unha Cultura na que a veciñanza da Coruña se poida recoñecer, ao tempo que olla cara a diversidade de pobos, nacións e linguas do mundo, de xeito aberto e cun carácter de universalidade.
Coa creación do Consello, ábrense novas canles que vinculan a Cultura coa sociedade do coñecemento e dáselle un maior protagonismo á cidadanía, emisora maioritaria dos contidos e mensaxes culturais.
O Consello Municipal da Cultural reflicte na súa composición a pluralidade de axentes que interveñen na política cultural municipal e permite o diálogo e cooperación entre cada unha das partes.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible