Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de abril de 2024

Aínda hai entradas á venda para a próxima sesión. Pódense adquirir a través da páxina web de Ataquilla e tamén no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense

A cineasta Jaione Camborda, protagonista do coloquio que acompañará á proxección en 35 mm de ‘El Piano’, o vindeiro xoves 11 no Teatro Colón

Camborda foi a primeira directora de cinema española en gañar a Cuncha de Ouro na historia do Festival de San Sebastián. Fíxoo na pasada edición do certame con ‘O Corno’, longametraxe rodada en lingua galega

O ciclo 'As mellores películas da historia' volve a vindeira semana ao Teatro Colón coa proxección en 35 mm da longametraxe 'El Piano', dirixida por Jane Campion e protagonizada por Holly Hunter, Anna Paquin, Sam Neill e Harvey Keitel.

A película narra a viaxe dunha muller e a súa filla ás agrestes terras de Nova Zelandia, deixando atrás a súa Escocia natal a mediados do século XIX. O relato, dirixido e guionizado por Campion, foi premiado en 1993 nos Óscar -entre os galardóns colleitados, na categoría de Mellor Guión Orixinal-, os Globos de Ouro e tamén no Festival de Cannes, onde gañou a Palma de Ouro á Mellor Película daquela edición.

A proxección no Teatro Colón, que terá lugar o xoves 11 (19.30 horas) contará coa asistencia dunha figura emerxente no panorama nacional da sétima arte. Será a cineasta donostiarra, residente en Galicia, Jaione Camborda, que coa súa película 'O Corno' (2023) fixo historia recentemente ao converterse na primeira directora de cinema española que gañou a Cuncha de Ouro na historia do Festival de San Sebastián.

'O Corno', unha longametraxe rodada en galego e portugués, con localizacións repartidas entre Galicia e o norte de Portugal, achégase a cuestións como a clandestinidade e a sororidade, aspectos que se tocarán de preto no coloquio posterior á proxección de 'El Piano', no que tomarán parte Camborda e o coordinador do ciclo, Javier Trigales. Como xa é habitual, o coloquio estará aberto ás preguntas do público.

Aínda hai entradas á venda de cara á sesión do xoves 11, que se poden adquirir a través da páxina web de Ataquilla e no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense. Tamén se habilitará a venda o propio día da proxección no Teatro Colón, sempre e cando haxa pases dispoñibles.

Toda a información está dispoñible nesta ligazón.

A vindeira proxección, 'Psicosis', de Alfred Hitchcock

A programación do ciclo 'As mellores películas da historia', impulsado polo Goberno de Inés Rey, comezou o pasado mes de xaneiro, coa proxección da longametraxe 'El apartamento', de Billy Wilder. Xa a mediados de febreiro recuperouse en 35 mm 'Al final de la escapada', do francés Jean-Luc Godard, e a mediados de marzo proxectouse 'Ciudadano Kane', de Orson Welles.

O calendario continúa a vindeira semana con 'El piano', e, posteriormente, o 23 de maio, coa gran película do suspense: 'Psicosis', de Alfred Hitchcock. O convidado especial será Paco Plaza, autor dalgunhas das grandes obras nacionais de terror do século XXI.

Por último, e xa o 13 de xuño, pecharase o ciclo dun xeito moi especial, con 'El espíritu de la colmena', de Víctor Erice. Na clausura está previsto contar co propio cineasta ou coa actriz Ana Torrent.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión